O deputado do BNG no Parlamento manterá un encontro cos veciños de Lugo
O deputado do BNG no Parlamento do Estado, Néstor Rego, visitará a cidade de Lugo para falar da importancia de contar cunha voz galega no Congreso e dar conta do traballo desenvolto polo BNG nos últimos anos. Rego falará das distintas iniciativas defendidas polo BNG no Congreso que suporán melloras para Lugo, como a mellora da rede ferroviaria ou os distintos investimentos reclamados para a comarca.
No acto, que terá lugar este venres 25 a partir das 20.00 no Centro Social Uxío Novoneyra, intervirán tamén a deputada no Parlamento de Galicia, Carme Aira e o portavoz do BNG e tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo.
Néstor Rego compartirá tamén coa veciñanza de Lugo as propostas da campaña Os prezos soben, os teus cartos baixan. Fagámonos Valer! coa que o BNG vén de lanzar unha ofensiva nas rúas e nas institucións para reclamar aos gobernos da Xunta e do Estado que tomen medidas urxentes para evitar o colapso dos sectores económicos galegos, ante a descontrolada suba de prezos que se vén experimentando nas últimas semanas.
O Bloque propón un decálogo de medidas urxentes para axudar aos sectores máis afectados da economía galega e ás familias cada día máis empobrecidas. Entre as propostas do BNG para o sector primario destacan a prohibición de vender a perdas no sector primario, a compra pública de pensos para garantir un abastecemento a prezos razoables e a fixación dun prezo máximo para a electricidade neste eido.
Ademais, o BNG propón pór en marcha axudas para o sector primario, garantindo a actividade no gando e na pesca, sector para o que tamén propón garantir o prezo dos hidrocarburos no límite previo á escalada de prezos.
Ademais, o BNG defende a rebaixa temporal dos impostos aos carburantes, distinguindo entre consumo doméstico e profesional, a redución das peaxes en todas as autoestradas galegas, a actuación inmediata sobre o mercado enerxético e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega para compensar a Galicia por ser produtora de electricidade.