O documental '360 Curvas' chega a Lugo cun pase especial acompañado de coloquio

LugoXa
A proxección terá lugar este domingo 1 de febreiro ás 20:15 horas nos cines Códex coa presenza do equipo do filme
promoción-filme-360-curvas-A-Fonsagrada-Lugo
29 Jan 2026

O documental 360 Curvas continúa o seu percorrido polas salas galegas cun pase especial en Lugo que se celebrará este domingo 1 de febreiro ás 20:15 horas nos cines Códex. A sesión incluirá a presentación da película e un coloquio posterior co equipo do filme, nun formato que busca favorecer o diálogo co público arredor dos temas que atravesan a obra.

A longametraxe propón unha mirada coral ao pasado e ao presente da Fonsagrada a partir do episodio coñecido como As Movidas, as mobilizacións veciñais dos anos noventa que xurdiron como resposta á perda de servizos na vila. Ese movemento social funciona no filme como fío condutor para reflexionar sobre os desafíos actuais do rural e sobre o futuro das comunidades que o habitan e o sosteñen.

O percorrido de 360 Curvas vén avalado pola resposta do público nas primeiras proxeccións no territorio. A preestrea celebrada na Fonsagrada rexistrou unha participación masiva, coa sala chea nos dous pases programados, ás 12:00 e ás 17:00 horas, nun encontro interxeracional no que a película serviu como punto de partida para seguir conversando sobre memoria, pertenza e presente.

Como parte da campaña de lanzamento, o documental instalou tamén unha valla promocional nas inmediacións da estrada que une Lugo coa Fonsagrada, un xesto cargado de simbolismo que recupera un dos momentos máis recoñecibles de As Movidas, cando a veciñanza decidiu “desfacer as curvas coas súas propias mans” como acto de protesta e afirmación colectiva. A peza gráfica inspírase nas pancartas e pintadas reivindicativas da época, trasladando ao presente unha estética directa, irónica e combativa cuxas mensaxes seguen a resoar hoxe en distintos puntos da provincia e de Galiza, ao apelar a cuestións aínda abertas como os servizos, as conexións, as oportunidades ou o dereito a permanecer no territorio.

⚙ Configurar cookies
0.080920934677124