O documental '360 Curvas' proxectarase en Lugo este sábado

GaliciaXa | LugoXa
O filme, gañador dun Mestre Mateo, percorre a memoria, a emigración e a resistencia dunha comunidade a través das curvas que separan A Fonsagrada de Lugo
promoción-filme-360-curvas-A-Fonsagrada-Lugo
4 Apr 2026

O documental '360 Curvas', gañador dun Mestre Mateo ao mellor documental, poderá verse nos Cinex Códax de Lugo esta tarde de sábado, 4 de abril, a partir das 18.30 horas.

Escrita e dirixida por Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Fernández Silva, a xornada pretende ser unha celebración da memoria, das curvas do camiño e da forza dunha comunidade que soubo erguerse para endereitar o seu propio destino no lugar onde naceu esta historia.

A película parte dunha idea sinxela e poderosa: 360 curvas separan A Fonsagrada de Lugo. Esas curvas gardan mil vidas no seu interior e son testemuñas de nacementos, marchas, caídas, resistencias e retornos. A estrada convértese así nun fío narrativo que fala de emigración, abandono, esperanza e dignidade, e que retrata un pobo que decidiu chegar antes e non renderse.

'360 Curvas' é un filme sobre curvas, pero tamén sobre futuro, sobre xente que segue en pé e sobre unha terra que continúa avanzando malia as dificultades.

0.22817301750183