O edificio de Correos na zona da intermodal foi descatalogado favorablemente trala modificación do PXOM
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de informar favorablemente a modificación puntual do PXOM na zona da estación de ferrocarril de Lugo para permitir a descatalogación do edificio de Correos.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural resolveu esta cuestión unha vez que o Concello de Lugo asumiu o criterio que a Xunta levaba anos defendendo, no sentido de que non se pode obviar que o planeamento urbanístico municipal considera este inmoble un ben protexido e hai que cambiar este punto da norma para poder derrubalo, algo que é responsabilidade do goberno local.
Deste xeito, salvarase un dos principais obstáculos que presentaba o deseño proposto no seu día por Adif para a materialización da estación intermodal de Lugo.
No proxecto de reforma do PXOM achegado polo concello e autorizado por Patrimonio elimínase da ficha do Catálogo de bens protexidos o edificio de Correos, mantendo como elemento protexido o edificio da terminal de viaxeiros; este modifica a súa contorna de protección, xa que se recorta cara ao inmoble de Correos e amplíase cara á plataforma ata ás vías, o espazo público de acceso e o almacén situado ao leste.
O proxecto alega que o edificio que se pretende derruír é unha construción posterior a 1977, ano no que foi publicada a súa construción, mentres que o da estación data de finais do século XIX.
O informe de Patrimonio foi emitido a petición do Servizo de Urbanismo de Lugo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que está a recabar os informes sectoriais da administración autonómica co obxectivo de remitilos proximamente ao Concello de Lugo.