O Eixo Atlántico avanza en proxectos estratéxicos para cultura, turismo e desenvolvemento económico en 2026

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa
Miguel Fernández presenta na Coruña un programa de 5,1 millóns de euros para reforzar a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal e impulsar a internacionalización e a sustentabilidade
presentacion-programa-do-Eixo-Atlántico-na-Coruña
19 Feb 2026

O alcalde de Lugo e presidente do Eixo Atlántico, Miguel Fernández, presentou na Coruña, na XXXIV Asemblea Xeral, o programa de actuacións para 2026, tras a ratificación dun orzamento de 5,1 millóns de euros.

Fernández explicou que este financiamento permitirá avanzar no intercambio de proxectos que poñan en valor a cultura e o patrimonio, impulsar plans estratéxicos, mellorar infraestruturas, apoiar os sectores económicos e desenvolver iniciativas de emprendemento competitivas como vía para mirar ao futuro.

O programa de 2026 tamén busca reforzar a resiliencia das cidades membros mediante tres obxectivos principais: sostibilidade urbana, desenvolvemento económico e desenvolvemento social. Entre as accións previstas, destacan a celebración da novena edición de Expocidades en Amarante, o quinto seminario de intercambio de experiencias de turismo na Coruña centrado no turismo policéntrico, e o proxecto POST, orientado a un turismo afastado das masas con sesións en Viana do Castelo e un congreso final en Francia.

O programa tamén inclúe iniciativas de internacionalización, coa actualización da Axenda Urbana e a apertura de novas liñas de cooperación cos países PALOP, así como proxectos culturais e educativos de alcance internacional, como a XV Bienal de Pintura e a IX Mostra Musical, e iniciativas deportivas como torneos de boccia, hóquei en patíns, taekwondo e os Xogos do Eixo Atlántico na súa décimosexta edición.

Durante a súa intervención, o presidente destacou o contexto internacional “moi complicado e pouco conciliador” e subliñou a oportunidade que teñen os concellos de Galicia e do Norte de Portugal para consolidar a cooperación transfronteiriza en ámbitos como a cultura, a economía, a sustentabilidade e o turismo.

Ademais, o presidente insistiu en realizar un seguimento do mapa de infraestruturas para evitar que as obras en execución se paralicen e en desenvolver accións concretas de sostibilidade urbana e cohesión territorial que melloren a calidade de vida na Eurorrexión. Fernández lembrou que Lugo xa lidera proxectos europeos como POST, xunto con entidades de España, Portugal, Irlanda e Francia, para fomentar modelos turísticos equilibrados e respectuosos co territorio.

Miguel Fernández destacou que todas as accións buscan situar a Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal como referente de cooperación europea, con impacto real no turismo sostible, na innovación e na internacionalización das economías locais. Para rematar, subliñou que o Eixo Atlántico non é só unha alianza administrativa, senón un proxecto colectivo baseado na cooperación, a solidariedade e a visión compartida de futuro.

Pola súa parte, a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, resaltou a importancia de facer forza para impulsar o
desenvolvemento de Galicia e o norte de Portugal nun encontro que contou tamén coa presenza de Antón Leis, Director da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

“Este tipo de citas son moi importantes para renovar os compromisos coa cooperación transfronteiriza, temos moito que gañar se actuamos con unidade, visión compartida e ambición”, valorou a mandataria provincial. Puxo en valor a posibilidade de esta entidade parafacer forza conxunta, atraer inversións, fortalecer as cadeas produtivas locais e crear oportunidades de emprego de calidade.

⚙ Configurar cookies
0.090170860290527