O Entroido 2026 do Concello de Lugo contará con 17 actividades para todos os públicos

A Concellería de Cultura de Lugo deu a coñecer a programación do Entroido 2026, que inclúe 17 actividades pensadas para todos os públicos. A edil Maite Ferreiro subliñou que “o obxectivo é seguir facendo do Entroido unha festa participativa e accesible para toda a veciñanza, mantendo as nosas tradicións vivas e incorporando novas propostas que xa demostraron ser un éxito en anos anteriores”.
A programación comezará o xoves 5 de febreiro coa inauguración da exposición “Personaxes do Entroido Galego” de C. Padín no Vello Cárcere, que poderá visitarse ata o 30 de marzo e reúne máis de 100 obras que mostran as figuras máis características do entroido galego.
O xoves 12 o Mercado Municipal acollerá a actuación da “Cé Orquestra Pantasma” a partir das 17:30h, como antesala ao inicio oficial da celebración, que terá lugar o venres 13 co pregón ás 20:00 na praza Maior, animado pola agrupación Condensadores de Fluzo. Posteriormente, Bloco Meigallo percorrerá as rúas do casco histórico a partir das 21:30.
O sábado 14 comezará a actividade cun espectáculo para todos os públicos, “AUCHH!” de Abraham Arzate, na praza Maior ás 12:30, seguido do desfile infantil ás 17:00, coa animación de Tambukda e “Malabarabilidades” de Fran Boza. A partir das 20:30, a Tambukda animará as rúas do casco histórico. O domingo 15 a praza Maior acollerá pola mañá o espectáculo “Frikis” de Mundo Costrini e pola tarde, ás 18:00, celebrarase a Gala de circo Introitus, coa participación de Pakolas, Marta Sempre Arriba, Henriko e Martilda.
O luns 16 continuará a programación coa actuación “Máximo Óptimo” de Máximo ás 12:30, e pola tarde o Dúo Laos representará “Otros Aires” ás 18:00 na praza Maior. Ás 21:30, Bloco Meigallo animará as rúas do casco histórico.
O Martes de Entroido destacará o espectáculo “Consertasso na horta” de Brais das Hortas ás 12:30 e o desfile de disfraces para persoas adultas a partir das 17:00, coa actuación de Tambukda e Carta de ajuste.
A xornada de peche, o mércores 18 de febreiro, comezará co espectáculo “O mundo de Nono” de Arturo Cobas. Pola tarde, ás 17:30, haberá un concerto de banda e coro infantil da Banda Filharmónica de Lugo, e ás 20:00 terá lugar o Enterro da Sardiña acompañado do concurso de ferretes, con saída desde o Círculo das Artes e a colaboración de Estoupacaldeiros, así como as actuacións da Orquesta Terra Nova e o Orfeón Xoan Montes.