O Entroido tradicional chegará ás Anpas de Lugo cunha xornada participativa da Tradescola

O vindeiro martes 10 de febreiro, a Tradescola, en colaboración coa Área de Educación do Concello de Lugo, organizará unha xornada para achegar o Entroido tradicional ás Anpas dos centros de educación primaria do municipio. A proposta, pensada para público familiar, desenvolverase no soto da praza de Abastos entre as 16.30 e as 18.30 horas e combinará obradoiros, música e danza co obxectivo de fomentar a participación activa da veciñanza.
Durante a primeira parte da tarde, ata as 18.00 horas, realizaranse diferentes actividades nas que as persoas participantes poderán elaborar sombreiros tradicionais do Entroido, aprender ritmos propios dos folións e iniciarse nos botes e danzas características de distintos entroidos galegos. Para participar nos obradoiros, recoméndase acudir cun sombreiro de palla e, no caso da percusión, con bombos, tambores, chocas ou outros utensilios metálicos vinculados á tradición labrega.
A xornada continuará ás 18.00 horas cun folión que sairá desde o mercado da praza de Abastos e percorrerá varias rúas do centro histórico, pasando por Santo Domingo, a rúa da Raíña e a praza Maior ata o fondo, para regresar posteriormente por Conde Pallares, Armañá e Lois Peña Novo, finalizando de novo no soto da praza de Abastos.
Con esta actividade e coa saída polo centro da cidade, a organización busca dar a benvida ao Entroido de maneira colectiva e participativa, animando ao público a acompañar os toques do folión e contribuír a manter viva unha das tradicións máis fermosas e significativas do patrimonio cultural galego.