O equipo feminino sub-16 do Lucus Caixa Rural Galega proclámase campión galego de atletismo

O equipo feminino sub-16 do Club Atletismo Lucus Caixa Rural Galega proclamouse campión galego por equipos no Campionato Galego de Atletismo ao Aire Libre, celebrado este sábado, 3 de outubro. As atletas lucenses lograron a vitoria cunha vantaxe de case 15 puntos sobre a Gimnástica de Pontevedra, que ocupou a segunda posición, seguida do Sanysec Ourense Atletismo.
O éxito é o resultado do traballo dunha xeración de deportistas que compite conxuntamente desde a categoría sub-10 e que xa a pasada tempada conseguiu clasificarse para o Campionato de España por Equipos, disputado en Nerja, onde acadou un meritorio décimo cuarto posto.
Nesta ocasión, o grupo puido culminar a súa progresión coa conquista do título autonómico ao aire libre, un resultado que recoñece a traxectoria e a evolución das atletas ao longo das últimas tempadas.
Pola súa banda, o equipo masculino do Lucus Caixa Rural Galega finalizou na quinta posición. A pesar de sufrir varias baixas de última hora, os deportistas mantiveron o esforzo durante toda a competición co obxectivo de sumar o maior número de puntos posible.
Os resultados acadados polos dous conxuntos poñen de manifesto o potencial das categorías de base do club lucense e o futuro prometedor do atletismo.