O Espazo Lorenzo Varela de Monterroso acolle a mostra itinerante de Manuel Rodríguez López
Tivo lugar no Espazo Cultural Lorenzo Varela de Monterroso a presentación da exposición Manuel Rodríguez López, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Ademais, presentouse o libro Manuel Rodríguez López, 25 anos despois, que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez. No acto participaron o teniente de alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, o concelleiro de Cultura, Luis Mariño, a delegada territorial de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez, e o alcalde de Paradela, José Manuel Mato.
Esta exposición itinerante percorreu nos últimos 8 anos máis de 20.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Santander, Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Sevilla ou Pamplona, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).
Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.
Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se acaba de presentar a XXVII edición.