O evento solidario The Distinguished Gentleman’s Ride chega a Lugo e A Coruña o 17 de maio

Lugo acollerá o vindeiro domingo 17 de maio a celebración do evento mundial The Distinguished Gentleman’s Ride, que se desenvolverá de forma simultánea en máis de 100 países e que en España terá presenza en 29 provincias, incluíndo Lugo e, como novidade este ano, tamén A Coruña como segunda sede galega.
A presentación da iniciativa contou coa participación do delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e do organizador do encontro na cidade, Eusebio Pajuelo. O evento ten como finalidade recadar fondos e sensibilizar sobre a saúde masculina, con especial atención a enfermidades como o cancro de próstata e aos problemas de saúde mental, en colaboración coa Movember Foundation.
Os participantes están convidados a vestir con elegancia e a empregar motocicletas clásicas para realizar unha ruta non competitiva que sairá ás 12:00 horas da Ponte Romana de Lugo, continuará ata Portomarín e regresará de novo á capital lucense.
As inscricións para participar e colaborar coa causa solidaria están abertas a través da web oficial do evento, que permite sumarse a unha iniciativa que combina deporte, sensibilización e recadación de fondos para a investigación e prevención de enfermidades que afectan á saúde masculina.