O Facela Fest xa ten horarios para a súa décima edición

O Facela Fest celebra este ano a súa décima edición consolidado como unha das citas alternativas de referencia na cidade de Lugo. O festival desenvolverase os días 6, 7, 8 e 9 de maio, nunha edición especial coa que a organización conmemora dez anos de traxectoria.
En total, nesta edición participarán 19 artistas que actuarán en distintas localizacións da cidade, repartidos entre o Facela Bar, o Club Clavicémbalo, a Sala Tebras e a Praza de Abastos.
O programa comezará o mércores 6 de maio no Facela Bar cun concerto de Francisco Nixon dentro do ciclo Concerto Vibra Mahou. O xoves día 7 a actividade trasladarase ao Club Clavicémbalo, onde actuarán Aeronave Adolescente e Ripship.
O venres 8 de maio abrirá a xornada o Facela Bar coa actuación de Las Yhadys. Xa pola tarde-noite, a Sala Tebras acollerá unha das xornadas máis intensas do festival con The Foolans, Sigilu, Pacífica, Australian Blonde, Los Palms e Fotocopia.
O sábado 9 de maio o festival continuará na Praza de Abastos con Filophóbicas, Error 97 e Toldos Verdes. Pola noite, a Sala Tebras volverá ser o epicentro musical con Sapo Bufo, Axolotes Mexicanos, Shego, Temples, Triángulo de Amor Bizarro e Bernal.