O festival Soa Suarna converterá Navia de Suarna nun referente da música e a cultura galega o 22 de agosto

Navia de Suarna acollerá o vindeiro 22 de agosto unha nova edición do festival Soa Suarna, unha cita que combinará música en directo, cultura tradicional, artesanía e actividades familiares ao longo de toda a xornada.
A programación arrancará ás 11.00 horas coa apertura do mercado de artesanía, os xogos tradicionais e os obradoiros impartidos por Artur Puga e Miudiño S. Coop. Galega. Ambas actividades desenvolveranse no Alargo e non requiren inscrición previa.
Ás 13.00 horas terá lugar o pregón do festival e, vinte minutos despois, comezará a sesión vermú coa actuación de Tona. Durante toda a xornada tamén estará presente La Duendeneta, que dinamizará diferentes momentos do evento.
Xa pola noite, o escenario principal acollerá unha programación musical encabezada por algunhas das propostas máis destacadas do panorama galego actual. Ás 21.30 horas actuará Antía Muíño, seguida por De Ninghures ás 22.40 horas. A música continuará ás 00.15 horas con Futuro Alcalde e ás 01.40 horas será a quenda de Kid Mount. A festa prolongarase ata a madrugada coa animación de La Duendeneta.
Desde a organización, impulsada pola Xuventude de Navia, destacan o intenso traballo realizado durante os últimos meses para converter Soa Suarna nunha das grandes citas culturais do verán na montaña lucense. O festival conta ademais co apoio do programa Concertos do Xacobeo.