O festival SoaSuarna volverá o 22 de agosto coa súa segunda edición en Navia de Suarna

O festival cultural SoaSuarna xa ten data para a súa segunda edición, que se celebrará o sábado 22 de agosto en Navia de Suarna. A cita marcará o punto culminante do traballo desenvolvido ao longo dos últimos meses pola Asociación Xuventude do Navia, un colectivo formado por sete mozos e mozas da vila ancaresa.
Para anunciar esta nova edición, a organización publicou un 'aftermovie' do pasado ano que acadou unha notable repercusión, servindo como carta de presentación dun proxecto que busca consolidarse no panorama cultural galego. Nas vindeiras semanas, o colectivo continuará empregando estas canles para dar a coñecer o cartel, as actividades e os artistas que encherán a localidade de música e ambiente festivo.
O SoaSuarna mantén a súa filosofía de ir máis alá dun festival musical ao uso, combinando distintas disciplinas culturais e desenvolvendo unha programación que se estende ao longo do ano en Navia de Suarna, no corazón dos Ancares. A iniciativa nace coa intención de facer fronte á centralización cultural nas cidades, reivindicando que tamén no rural é posible crear e compartir propostas de calidade, ao tempo que se impulsa o talento emerxente galego e se recoñece o labor das iniciativas locais.
Na súa primeira edición, o festival contou cun cartel integrado por Ulex, Abril, Diego Flaneur & Ünder, Futuro Alcalde, Migui Bouzó e DJ Deiros. Para este verán, a organización prevé continuar apostando por unha liña musical semellante, cunha oferta variada pensada para todos os públicos.
O 22 de agosto converterase así no día grande dun evento no que se concentran meses de preparación e ilusión. O éxito da primeira edición actúa como principal estímulo para que o SoaSuarna aspire a superarse e volva encher o rural naviego de música, alegría e participación.