O Foro Feminista de Lugo censura o apoio do Concello ao CD Lugo tras a eliminación da súa sección feminina

LugoXa
A entidade critica que o Club Deportivo Lugo prescinda do seu equipo feminino tras seis anos de éxitos e lamenta a colaboración institucional
CD-Lugo-feminino
16 Jul 2025

O Foro Feminista de Lugo manifestou o seu respaldo ás xogadoras da sección feminina do Club Deportivo Lugo, presidido por Ronald Baroni, ao tempo que amosou o seu rexeitamento ao apoio institucional brindado polo Concello de Lugo á entidade deportiva despois de que esta decidise eliminar o seu equipo feminino, a pesar dos bos resultados acadados na tempada pasada.

Segundo denuncian, o club tomou esta medida como vía para afrontar as súas dificultades económicas, deixando ás futbolistas sen equipo xusto nun momento no que o mercado de fichaxes está practicamente pechado, o que limita as súas posibilidades de continuar competindo.

O apoio municipal quedou simbolizado nun acto celebrado polo alcalde, Miguel Fernández, e o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, xunto co director xeral do club albivermello, Adrián Raguza, no lanzamento da campaña de abonados para a tempada 2025/26. Precisamente ese mesmo día remataba o prazo para inscribir tanto o equipo da Terceira RFEF como o seu filial na Segunda Galega, un feito que, segundo o Foro Feminista, reflicte a contradición entre a colaboración pública e a eliminación da sección feminina.

A decisión adoptada pola nova propiedade do Club Deportivo Lugo supón, segundo sinala o Foro Feminista, un golpe á aposta realizada pola anterior directiva polo fútbol feminino. Durante seis anos, o estadio Anxo Carro acolleu as vitorias do primeiro equipo, que en 2023 acadou o ascenso á Terceira RFEF e proclamouse campión de Copa na última campaña, e serviu tamén de plataforma para as xogadoras da canteira, integradas no Lugo B, que recentemente lograran o ascenso á Segunda Galega.

O Foro Feminista considera “intolerable” que, como explican as propias xogadoras, a primeira gran decisión do club sexa eliminar unha sección consolidada ao longo de seis anos de traballo. Ademais, cualifica de “inconcibible” que entidades que deixan fóra ás mulleres e ás nenas continúen a recibir apoio económico e institucional por parte das administracións públicas.

⚙ Configurar cookies
0.18670392036438