O Foro Feminista de Lugo chama a combater todas as formas de violencia machista no 25N

O Foro Feminista de Lugo fai un chamamento á cidadanía para rexeitar todas as formas de violencia machista con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. O colectivo lembra as mulleres asasinadas e os nenos e nenas que quedan orfos, aos que reivindica como vítimas do que cualifica de terrorismo machista, e subliña que non son unha cifra máis.
No seu manifesto, a entidade sinala que as violencias contra as mulleres son a expresión dunha desigualdade estrutural baseada no dominio masculino e denuncia que o feminicidio é unha das manifestacións máis extremas do mandato patriarcal. Segundo os datos que recolle, en 2026 contabilízanse 45 vítimas oficiais, unha cifra que ascende a 89 segundo Feminicidio.net. Ademais, indica que hai máis de 600 casos activos no sistema Viogén en Lugo, máis de 6.000 en Galicia e máis de 100.000 en España.
O Foro advirte de que detrás deses datos hai vidas arrebatadas, proxectos truncados e familias marcadas pola violencia. Por iso, reclama poñer fin a todas as súas expresións: física, sexual, económica, psicolóxica, dixital e vicaria, así como á explotación dos corpos das mulleres mediante a prostitución, a pornografía e o alugueiro de ventres. Neste sentido, defínese como un colectivo abolicionista e cuestiona a consideración do corpo das mulleres como unha mercadoría, especialmente en contextos de pobreza e vulnerabilidade.
A entidade tamén pide a implicación de toda a sociedade, ao considerar que a construción dunha sociedade igualitaria require cuestionar privilexios, revisar prácticas, educar en igualdade e actuar fronte a calquera manifestación de violencia. "O silencio é cómplice", advirte, ao tempo que lembra que a liberdade dunha muller é un logro colectivo.
En canto ás administracións, reclama máis financiamento para a prevención, xulgados especializados, tempos de resposta máis rápidos, formación obrigatoria en perspectiva de xénero, protocolos actualizados e coordinados e medidas de protección eficaces. Tamén incide na necesidade de evitar a revitimización das mulleres e de reforzar a coeducación.
O manifesto conclúe coa reivindicación da memoria das vítimas e cunha chamada a actuar máis alá do rexeitamento explícito da violencia: "Non basta con rexeitar a violencia, hai que desmontar as estruturas que a sosteñen". O Foro defende que a seguridade, a liberdade e a dignidade das mulleres deben ser unha prioridade de Estado e advirte de que o negacionismo xustifica a violencia.