O futuro da estación de autobuses a debate: É mellor conservar o edificio ou non?

Durante o debate organizado pola Asociación Lugo Monumental sobre o futuro da actual estación de autobuses unha vez entre en funcionamento a futura estación intermodal, o portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, defendeu a proposta da formación nacionalista de crear “un parque urbano que mellore a paisaxe da cidade” e destacou o “consenso histórico” existente arredor da necesidade de remodelar esta zona.
Segundo explicou, outras alternativas pasan por manter a estación actual tras a posta en marcha da intermodal, algo que cualificou como unha solución pouco eficiente ao tratarse dunha infraestrutura xa infrautilizada. Fronte a ese modelo, defendeu a reconversión do espazo nun gran ámbito público pensado para o uso da cidadanía.
A proposta do BNG contempla a construción dun aparcadoiro soterrado co obxectivo de resolver os problemas de estacionamento no centro urbano. Ademais, inclúe a creación dun carril que conecte a rúa Dinán coa avenida Anxo López Pérez, o que permitiría reducir de forma significativa o tráfico rodado na zona e habilitar un novo espazo peonil de máis de 27.000 metros cadrados, preto de 3 hectáreas, que se estendería desde a contorna da Muralla.
O proxecto tamén prevé a instalación dun punto de parada para as liñas de transporte interurbano, facilitando así a chegada de persoas en autobús ao centro da cidade, ao tempo que se mantén o carácter peonil e verde do novo espazo, concibido como unha gran praza integrada no casco histórico.
Arroxo destacou que esta actuación permitiría dotar a Lugo dun “pulmón verde” no corazón da cidade, combinando zonas de sombra, espazos de lecer e solucións para mellorar a mobilidade. Neste sentido, subliñou que a iniciativa tamén contribuiría a mitigar os efectos do cambio climático, ao favorecer a regulación térmica dos espazos públicos.
O portavoz nacionalista incidiu en que, aínda que o reto climático require actuacións a gran escala, tamén é fundamental que as administracións adopten medidas a nivel local, apostando pola creación de contornas máis habitables e adaptadas ás necesidades da cidadanía, especialmente durante os meses de máis calor.
PROPOSTA DE LUGO MONUMENTAL
Pola súa parte, a Asociación Lugo Monumental presentou a súa proposta de remodelación da estación de autobuses, conservando o edificio, que considera en "bo estado de uso", e argumentou a súa postura en razóns de mobilidade, económicas, ecolóxicas, arqueolóxicas e sociais polo "gran potencial que a infraestrutura podería ter para a cidade".
Entre as propostas destaca a planta baixa, que serviría de parada para autobuses interurbanos e turísticos, con centro de recepción de visitantes, e acollería usos comerciais, hostaleiros, culturais e un gran centro loxístico para mellorar a distribución no casco histórico.
Na primeira e segunda planta, a asociación suxire destinar os espazos a usos administrativos, á creación dun Centro de Excelencia Comercial de Galicia, un viveiro de empresas e unha área de “coworking” que tamén podería funcionar como sala de lectura ou estudo.
A cuberta do edificio converteríase nunha terraza verde accesible ao público, desde a que se podería contemplar o Vello Cárcere e a Muralla.
Finalmente, Lugo Monumental propón reordenar a zona e crear un espazo de xardín no lugar das dársenas que non se empreguen, derrubando o muro perimetral e parte dos voladizos actuais.
"A XENTE QUERE FALAR"
O acto, que comezou este pasado martes, 24 de marzo, ás 20.30 horas no Vello Cárcere, supuxo un encontro entre representantes municipais, representantes da sociedade e público xeral que puido falar durante o evento. Así, os primeiros 40 minutos foron para a exposición das dúas ideas representadas a través de Rubén Arroxo e Luis Latorre, e un tempo de preguntas por parte da moderadora, Carmen Uz, que tiveron que responder.
Nun segundo momento, puido intervir a sociedade lucense, representada no público, a quen se lle cedeu o micrófono para poder aportar as súas ideas ou facer preguntas aos proxectores das ideas debatidas. Así, houbo un intercambio de opinións e diálogo por parte de todos os presentes, o que fixo ver que "a xente quere falar", tal e como sostivo o presidente de Lugo Monumental, que valorou moi positivamente este encontro, marcado polo "respecto mútuo". Con todo, espera que se poidan producir máis encontros deste tipo "nos que participe de forma activa a cidadanía lucense".