O GDR Comarca de Lugo destaca a diversidade dos seus recursos naturais para impulsar o desenvolvemento económico do territorio

TerraChaXa | LugoXa
Representantes das distintas administracións, promotores e expertos en Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) no ámbito do Plan Leader analizaron en Lugo, no marco do “Seminario Desenvolvemento Rural Leader”, os principios do programa europeo 2014-2020 e a súa aplicación nos sete municipios do GDR-04 Comarca de Lugo: Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Outeiro de Rei e Rábade.
29 sep 2017

Representantes das distintas administracións, promotores e expertos en Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) no ámbito do Plan Leader analizaron en Lugo, no marco do “Seminario Desenvolvemento Rural Leader”, os principios do programa europeo 2014-2020 e a súa aplicación nos sete municipios do GDR-04 Comarca de Lugo: Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Outeiro de Rei e Rábade.

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, e o presidente da Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo, José Ángel Santos Sánchez, abriron a xornada, que comezou co relatorio “Principios de aplicación Leader 2014-2020” pronunciado polo presidente da Red Estatal de Desarrollo Rural (Reder), José Andrés García Mouro.

Posteriormente, Juan A. Pérez Sánchez-Orozco, de Xeito Rural; Marcos Trashorras Reija, do Concello de O Corgo, e Rafael Rivadulla Varela, de Agronovo, participaron no debate “Realidade e potencialidades do territorio Comarca de Lugo”, moderado polo alcalde de Friol.

Puntos fortes
Durante a mesa redonda, os expertos destacaron a gran diversidade e riqueza en recursos naturais do territorio GDR Comarca de Lugo como un dos puntos fortes para o seu desenvolvemento económico e social. Neste sentido, Trahorras disertou sobre as posibilidades destes municipios desde o punto de vista forestal.

O experto destacou que os sete municipios teñen nos seus recursos naturais (actividades fluviais, recreativas, culturais…) “grandes oportunidades” para impulsar o seu desenvolvemento, e engadiu que “a diversificación da produción ou a posta en marcha de alternativas ao monocultivo de especies” son outras das súas fortalezas.

Trashorras mostrouse partidario de potenciar, ademais, estes recursos a través do programa europeo, á vez que definiu como unha das “debilidades do sector” o monocultivo de especies de crecemento rápido.

Taller de Experiencias
O seminario continuou co Taller de Experiencias Leader, no que o xerente de GAL Zona Centro de Valladolid, David Carrión Gil; e os xerentes dos GDR-05 Asociación Miño-Ulla e GDR-06 Ribeira Sacra-Caurel, Francisco Javier Rodríguez Medela e Martín Alemparte Vidal, respectivamente, explicaron os proxectos de éxito nos seus territorios. Paz Rodríguez Rivera, xerente do GDR Comarca de Lugo, foi a moderadora.

No taller, Alemparte incidiu na necesidade da implicación de todos os axentes –tanto do sector público como do privado– “para acertar no desenvolvemento dos proxectos”, e mostrouse partidario dunha maior coordinación coa Administración.

Así mesmo, os participantes destacaron que o Plan Leader favorece a diversificación económica, a creación de emprego e a igualdade de oportunidades, aspectos que inciden directamente –sinalaron– na mellora da calidade de vida dos territorios afectados. O “Seminario Desenvolvemento Rural Leader”, organizado polo GDR Comarca de Lugo, foi clausurado, ás 14:00 horas, pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

0.15339803695679