O GDR Ribeira Sacra-Courel aproba a distribución das axudas Leader para o período 2026-2028

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
A xunta directiva dá luz verde a un orzamento de máis de 1,3 millóns de euros destinado a impulsar proxectos produtivos e iniciativas de interese xeral na comarca
Xunta-directiva-GDR-Ribeira-Sacra---Courel
10 Feb 2026

Os alcaldes e alcaldesas dos concellos de Monforte de Lemos, Pantón, Sober, O Saviñao, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Quiroga, Folgoso do Courel, O Incio, Bóveda, Samos, As Nogais e Triacastela, integrantes do GDR Ribeira Sacra-Courel, reuníronse en Sober no marco da xunta directiva da entidade, un encontro no que se aprobou a proposta de distribución do financiamento correspondente á convocatoria Leader dos anos 2026, 2027 e 2028.

Durante a sesión acordouse a repartición dun orzamento total de 1.321.508,38 euros entre as distintas tipoloxías de proxectos que poderán optar ás axudas, destinándose a maior parte dos fondos a iniciativas de carácter produtivo, cun importe de 850.308,38 euros. Os proxectos non produtivos promovidos por entidades públicas contarán con 431.200,00 euros, mentres que as iniciativas non produtivas de carácter privado disporán dunha dotación de 40.000,00 euros.

As axudas Leader son subvencións dirixidas á execución de operacións en apoio de terceiras persoas, tramitadas ao abeiro da intervención Leader, e están orientadas á posta en marcha de proxectos produtivos que favorezan a creación e o mantemento do emprego, así como de proxectos non produtivos que redunden no beneficio do conxunto da poboación. Estes apoios están destinados tanto a entidades públicas de ámbito local ou comarcal como a persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, incluíndo expresamente as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

A xestión destas subvencións realízase a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural do territorio galego, que actúan como entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural na tramitación do programa Leader. Os proxectos que se presenten poderán ter carácter produtivo ou non produtivo, en función da natureza xurídica da persoa promotora e de se a súa finalidade é lucrativa ou non lucrativa.

A convocatoria de axudas permanecerá aberta ata o 06 de abril, prazo límite no que as persoas, entidades e administracións interesadas poderán presentar as súas solicitudes para acceder a este programa de apoio ao desenvolvemento rural na Ribeira Sacra e no Courel.

⚙ Configurar cookies
0.082843065261841