O Goberno de Lugo mellora o firme nas rúas Celso Emilio Ferreiro, Tino Prados e Xosé Crecente Vega

Comezan os traballos de renovación do firme que se levarán a cabo nas rúas Celso Emilio Ferreiro, Tino Prados e Xosé Crecente Vega.
A actuación, que conta cun investimento de 72.596,37 euros, ten como obxectivo renovar as vías coa pavimentación deteriorada e garantir a boa calidade e imaxe da rede de vías urbanas municipais.
Para iso, o Goberno de Lugo procederá á reconstrucción do paquete de firme en todo o seu espesor, de modo que os defectos na capa base non afecten á capa de rodadura.
Ademais, instalarase unha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, o que permitirá un selado do firme ante a acción da auga superficial, asegurando a súa durabilidade a longo prazo.
Unha vez pavimentadas as vías, realizarase a adaptación dos rexistros á nova cota da superficie e instalarase unha nova base para os contedores.
Finalmente, tamén se renovará a sinalización vertical e horizontal das rúas. O prazo de execución dos traballos é de 10 semanas.
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, destacaron o compromiso do Goberno local coa mellora dos barrios e zonas periurbanas, subliñando que "este tipo de actuacións garanten o benestar das veciñas e veciños de toda a cidade".