O Goberno de Lugo reclama á Xunta accións de control do xabaril e da vespa velutina

O Concello de Lugo reclama á Xunta de Galicia un reforzo urxente das actuacións no control da poboación de xabarís e da avespa velutina, ante o incremento das incidencias no municipio e a falta de medidas efectivas por parte do Goberno autonómico”. A neglixencia sobre este problema ten consecuencias directas na nosa economía, na nosa imaxe e, por riba de todo, na nosa seguridade”, afirmou Abelleira que recorda que se trata dunha competencia autonómica.
A voceira municipal, Ana González Abelleira, advertiu esta mañá de que “a situación actual é consecuencia directa da falta de planificación e de actuación por parte da Xunta”. A edil lembrou que xa en novembro de 2025 o Concello solicitou formalmente a adopción de medidas para facer fronte a esta problemática “sen que, ata o momento, se fixera absolutamente nada como demostra a presenza dun xabaril campando estes días libremente polo noso Centro Histórico. É inadmisible”.
González Abelleira alertou de que a presenza de xabarís en zonas urbanas e periurbanas é cada vez máis habitual, afectando tanto á seguridade cidadá como á viaria. “Levamos anos nunha situación similar sen que a Xunta mova un só dedo. Cada vez son máis frecuentes as incidencias en zonas verdes, rúas e vías de circulación, e a falta de actuación preventiva está a agravar o problema”, sinalou a voceira quen non descarta levar a cabo movilizacións se a situación continúa.
A voceira incidiu ademais en que o momento actual do ano resulta clave para actuar noutra das grandes ameazas ambientais do municipio: a avespa velutina. “Estamos nunha época idónea para a detección e control dos novos niños, e non se pode perder esta oportunidade por falta de planificación”, explicou.
Neste sentido, reclamou reforzar de maneira urxente os recursos destinados á eliminación de niños e establecer un programa de actuación continuo ao longo de todo o ano. “Non podemos seguir improvisando cada verán con medidas de emerxencia. É imprescindible unha estratexia seria, con dotación orzamentaria suficiente e planificación técnica”, engadiu.
A representante municipal denunciou tamén a situación do sector forestal, que está a sufrir un incremento notable das pragas que afectan a especies como o freixo, o carballo ou o piñeiro, cun impacto directo sobre a economía e o medio natural do municipio.
“Estamos a falar dun problema que afecta á saúde ambiental, á seguridade da cidadanía e a sectores económicos estratéxicos. A política de actuar só cando o problema xa é evidente non é unha solución, é unha mostra clara de desleixo”, afirmou.
Por todo isto, o Goberno local instará formalmente á Xunta de Galicia a aumentar os recursos humanos, técnicos e económicos destinados ao control de pragas, así como a desenvolver un plan de actuación “rigoroso, coordinado e sostido no tempo” que permita facer fronte á proliferación de xabarís, á expansión da avespa velutina e ás pragas forestais.
“Lugo non pode seguir esperando. Precisamos unha política ambiental seria, baseada na prevención e na responsabilidade, e non en parches puntuais cando a situación xa está fóra de control”, concluíu González Abelleira.