O Goberno de Lugo reclama á Xunta avanzar na actuación do Pazo de Dona Urraca

O Goberno local insta á Xunta de Galicia a avanzar de maneira efectiva na recuperación do Pazo de Dona Urraca e do conxunto da Tinería, tras constatar que seis meses despois da presentación do proxecto gañador do concurso de ideas, en outubro de 2025, non se produciu ningún avance material sobre o terreo.
“É inadmisible que seis meses despois da resolución do concurso de ideas aínda non estea formalizado o contrato para redactar o Plan Especial. De feito, preocúpanos que non conste no rexistro público do IGVS. Trátase dun trámite básico para poder continuar cun proceso que non se debe demorar nin unha semana máis”, sinalou o edil, quen explicou que só unha vez aprobado o Plan Especial o Concello poderá executar as expropiacións previstas no convenio e a Xunta executar o proxecto tal e como está acordado.
O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, sinalou que “Lugo non pode seguir vivindo de anuncios que se repiten mentres a Tinería segue á espera de feitos. Non existe movemento real sobre o terreo, mentres se segue trasladando a idea de que o proxecto está avanzando”, e incidiu en que “o Concello xa cumpriu coas súas obrigas , polo que agora é imprescindible que a Xunta dea este paso fundamental cara á execución”.
A recuperación do Pazo de Dona Urraca e da súa contorna forma parte dunha actuación estratéxica para a rexeneración do barrio da Tinería, un dos espazos con maior valor patrimonial do casco histórico de Lugo e chamado a desempeñar un papel clave na súa dinamización social, cultural e urbanística.
O proxecto deu pasos relevantes nos últimos anos, entre eles a sinatura do convenio urbanístico entre a Xunta e o Concello en setembro de 2024, a apertura do concurso de ideas en marzo de 2025 e a presentación da proposta gañadora en outubro de 2025.
Neste contexto, o Concello lembra que deu cumprimento aos compromisos asumidos no devandito convenio, facilitando a tramitación administrativa necesaria e comprometéndose a acelerar os procedementos para facer viable a actuación. Este traballo permitiu desbloquear unha situación que levaba anos arrastrando anuncios, reformulacións e demoras, sentando as bases para o desenvolvemento do proxecto.
Porén, desde outubro de 2025, cando se deu a coñecer o proxecto gañador, non se teñen rexistrado novos pasos visibles cara á execución das obras, o que evidencia unha falta de avances materiais que contrasta coas mensaxes públicas trasladadas recentemente sobre a marcha da actuación.
Tal e como indicou Bustos, “non se trata de discutir o proxecto, que é necesario e compartido, senón de reclamar que se execute dunha vez”. O edil advertiu ademais de que a revitalización da Tinería require moito máis que anuncios sucesivos e lembrou que a realidade do barrio amosa que, máis alá dalgunhas actuacións puntuais en materia de vivenda, segue habendo unha distancia evidente entre os anuncios acumulados ao longo dos anos e o ritmo real de execución.
Neste sentido, o Concello considera que Lugo non pode seguir asumindo unha dinámica na que proxectos estratéxicos para o casco histórico se presenten unha e outra vez sen materializarse, e reclama que a Xunta active xa os seguintes pasos administrativos e técnicos para facer posible a súa execución efectiva.
A recuperación deste ámbito permitirá poñer en valor un elemento patrimonial de grande relevancia, crear novos espazos públicos de calidade, incorporar vivenda ao centro histórico e reforzar a actividade social e económica da zona, contribuíndo así á consolidación da Tinería como un dos grandes polos de atracción da cidade.
Casa da Torre
O Concello tamén chama a atención sobre a situación da Casa da Torre, outro inmoble emblemático da Tinería cuxa rehabilitación depende da Xunta e que exemplifica a falta de avances efectivos neste ámbito.
A administración local concedeu a correspondente licenza urbanística o 2 de outubro de 2024, polo que se cumpren xa 15 meses sen que se teñan iniciado actuacións sobre o terreo, a pesar de ter completado toda a tramitación necesaria para facilitar o inicio das obras.
Deste xeito, o Concello subliña que cumpriu en tempo e forma coas súas responsabilidades, mentres que a execución das actuacións segue pendente, reforzando a idea de que, máis alá dos anuncios e das previsións trasladadas, non se están a producir avances reais na recuperación deste ámbito.
Neste contexto, Jorge Bustos concluíu que “a Tinería non pode seguir esperando indefinidamente mentres os proxectos se anuncian unha e outra vez sen materializarse”, e reiterou a necesidade de que a Xunta active de inmediato a execución das actuacións comprometidas.