Restauran a protección da última obra de Primo de Bansky, que apareceu con pintadas
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o Goberno de Lugo restaurou a protección do último traballo de Primo de Bansky despois de que esta mañá aparecese con pintadas. Ferreiro explicou que “unha vez vimos o estado no que se atopaba a obra, desde o Goberno de Lugo traballamos con celeridade para que se garantise o bo estado deste traballo dun artista local”, e engadiu “protexemos esta obra buscando que se manteña o maior tempo posible, sen esquecer o carácter efémero da arte urbana”.
O artista homenaxea con esta obra ao poeta García Lorca con motivo do 87 aniversario da súa morte por fusilamento. O obra representa a un García Lorca mozo que viste a camisa de La Barraca, o grupo de teatro do que formaba parte, agarrando a outro García Lorca xa morto despois de ser fusilado. Ferreiro lembrou que a “Área de Cultura xa homenaxea ao grupo teatral co ciclo ‘Versos na barraca’ que se celebra cada verán na Praza da Mosqueira, achegando a Lugo ás principais voces da poesía galega”, e destacou a calidade da obra de grafiteiro lucense baseada precisamente na reivindicación, o activismo e a busca de plasmar a realidade.
A edil de cultura destacou a importancia da arte urbana para “dar o seu espazo ás propostas de arte emerxentes, achegando unha canle de difusión ás novas propostas artísticas, así como novas ofertas de lecer á veciñanza, tal e como levamos facendo dende hai anos co Culturban", explicou.