O Goberno local de Lugo analiza como mellorar a zona norte da cidade a través de fondos europeos

LugoXa
Para optar a estas axudas, dende o Concello estase a traballar na elaboración dun Plan de Actuación Integrado (PAI) a partir do Plan de Acción da Axenda Urbana ‘Lugo, Cidade Viva’ 2030
Goberno-local-de-Lugo-na-Avenida-da-Coruña
5 Nov 2024

O Concello de Lugo porá en marcha un proceso participativo para concorrer á nova convocatoria de axudas financiadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e destinadas ás Entidades Locais para o seu desenvolvemento urbano sostible.

Así o avanzou a rexedora, Paula Alvarellos, quen subliñou que “habilitaremos unha enquisa na páxina web municipal para que a veciñanza lucense poida mostrar a súa opinión sobre as prioridades de actuación, no entorno no que se pretende intervir: a Avenida da Coruña e os barrios Feijoo e Milagrosa”.

Así, dixo que a anterior liña de actuación "á que destinamos este tipo de fondos centrouse en mellorar a conexión da cidade co río. Algo que conseguimos utilizando un considerable investimento articulado con fondos da UE que nos permitiu actuar en zonas especialmente degradados como o barrio do Carme".

Pola súa parte, nesta futura convocatoria "centraremos o noso esforzo en conquerir financiamento para levar a cabo unha serie de melloras chamadas a transformar a zona norte da cidade, dotándoa de espazos e servizos que permitan incrementar a calidade de vida da numerosa poboación que reside nestes barrios da capital”, sinalou a este respecto a alcaldesa.

Para optar a estas axudas, dende o Concello estase a traballar na elaboración dun Plan de Actuación Integrado (PAI) a partir do Plan de Acción da Axenda Urbana ‘Lugo, Cidade Viva’ 2030, que concretará o ámbito de actuación a financiar pola axuda.

“Contar coa Axenda Urbana sitúanos nunha posición óptima para acadar estes fondos, posición que se verá consolidada coa PAI que estamos a ultimar. Neste momento, abrimos este proceso para coñecer as actuacións máis demandadas pola cidadanía coa finalidade de estudar a súa incorporación a este Plan de Actuación Integrado, un requisito fundamental para acollerse a esta convocatoria. O EDIL disporá dun orzamento máximo de gasto que variará para cada categoría de beneficiario, sendo a primeira asignación correspondente ás Áreas Urbanas de Grandes Cidades, onde se enmarca Lugo, de 20 millóns de euros, o que sen dúbida supoñería un gran impulso económico que permtiría acurtar os prazos na mellora desta contorna”, explicou Alvarellos.

“Esta importante liña de axudas europeas, que reciben o nome de Plan EDIL, pretenden promover o desenvolvemento urbano sostible dos municipios beneficiarios desde a triple perspectiva medioambiental, económica e social, e que iso redunde nunha mellor calidade de vida para toda cidadanía. Deste xeito, poderemos canalizar a execución de moitas melloras que responden a un único obxectivo final: actualizar o espazo urbano comprendido a ambas marxes da avenida da Coruña tanto no eido económico como no social, baixo criterios de sostenibilidade urbana”, explicou a rexedora.

Esta nova convocatoria, para a que necesario dispor do Pai, conta cunha dotación superior a 1.800 millóns de euros, o que supón un 34 % máis respecto á convocatoria denominada EDUSI (Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado) correspondente ao anterior período de programación 2014-2020. Os novos proxectos poderán executarse ata o ano 2029.

0.19671010971069