O Goberno local de Lugo entregou os terreos para a construción da nova Comisaría de Policía Nacional ao Ministerio de Interior

LugoXa
“As obras deberán comezar nun prazo máximo de cinco anos e a afección permanente deste destino manterase por un período mínimo de 30 anos”, sostivo a rexedora
PSOE-pleno-outubro
30 Oct 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anuncio que os terreos necesarios para a construción da nova Comisaría de Policía Nacional en Abella xa están ao dispor do Ministerio de Interior.

Así, a alcaldesa informou de que na Xunta de Goberno Local aprobouse a cesión dos terreos acordados coa Dirección Xeral da Policía Nacional e coa Delegación do Goberno de España en Galicia nos encontros celebrados ao longo dos últimos meses e que chegaron á súa culminación na reunión mantida con ambas as institucións o pasado 9 de outubro na casa do concello, na que o responsable da área de Infraestruturas Policiais e a arquitecta da Sección Norte do Servizo de Arquitectura da Policía Nacional confirmaron a idoneidade dos terreos ofertados polo Concello, que contan coa edificabilidade necesaria para o proxecto que se quere levar a cabo.

Deste xeito, aprobouse a transmisión con cambio de titularidade de dúas parcelas, unha  de 2.117 metros cadrados, sita no número 1 da rúa Orquídea, e outra de 483 metros de superficie situada no número dous da rúa Aquilino Iglesias Alvariño, situada fronte á anterior e destinada a prestar  servizos complementarios da actividade que se desenvolverá na nova sede da Policía Nacional en Lugo. Ambos os terreos, valorados en 1.005.399 euros, pasarán así a titularidade da Administración Xeral do Estado para a súa afectación permanente ao Ministerio de Interior para ser destinadas á construción da nova comisaría.

“O expediente concluíuse este martes e decidimos elevalo a XGL xa para que Interior dispoña dos terreos canto antes. Esta celeridade na tramitación burocrática  permítenos situar a Lugo nun excelente punto de partida para a asignación de fondos”, explicou tras o pleno Alvarellos. “Ditas obras deberán comezar nun prazo máximo de cinco anos e a afección permanente deste destino manterase por un período mínimo de 30 anos”, proseguiu a rexedora.

O Goberno local pon en valor esta acción

"Trátase pois da culminación dun traballo constante, discreto e en continua colaboración coas administracións implicadas que terá enormes repercusións postivas para a cidadanía en termos de seguridade cidadá, servizos públicos, e por tanto calidade de vida. Non era necesario aprobar en Pleno esta cesión, como así sostivo a portavoz na oposición, Elena Candia, ao longo de todo este tempo co único obxectivo de desacreditar o noso traballo e de transmitir á veciñanza unha visión distorsionada deste gran logro municipal", afirmou Alvarellos Fondo.

Así mesmo, a rexedora continuou evidenciando a actitude de "bloqueo mostrada polo Partido Popular en todo o proceso". "Primeiro, o goberno de Mariano Rajoy gardou nun caixón este proxecto. Despois, o presidente da Xunta nese momento, Alberto Núñez Feijoó, incumpriu a súa palabra de facilitar a construción da nova comisaría na zona norte da cidade non achegando os terreos necesarios no ámbito da antiga Residencia, e, posteriormente o grupo municipal do PP quixo enredar e desviar a atención sobre este asunto propoñendo como posible sede o edificio de Obras Públicas sabendo que non cumpría os requisitos necesarios”, dixo.

“Con todo,  e pesar de todo este ruído mediático, seguimos traballando en silencio, coa dilixencia precisa e o rigor necesario, para conseguir o noso obxectivo de dotar a Lugo dunha nova comisaría de Policía Nacional e que esta se sitúe na zona norte da cidade, algo para o que contamos en todo momento co máximo compromiso e colaboración por parte da Delegación do Goberno á que quero trasladarlle o meu agradecemento”, concluíu.

Resposta da oposición

Pola súa parte, desde o Partido Popular consideran que "se cumpriu o obxectivo da iniciativa que levamos a debate para impulsar a Comisaría da Policía Nacional. Conseguimos que o goberno local se reactivase este asunto”, celebran.

Así, os populares aseguran que “as casualidades non existen en política” e por iso "incluíron na xunta local que se celebrou minutos antes do pleno a cesión dos terreos ao Ministerio do Interior", sosteñen. E din que "se deu un paso máis para a construcción da nova Comisaría da Policía Nacional, o que nos reafirma en que é imprescindible o traballo da oposición”, e matizan que "cando rectifican, avanzamos un pouco, pero non todo o que nos gustaría”.

Finalmente, indicaron que o goberno local recoñeceu no debate que empezou a traballar nesta cuestión hai xusto un ano, "cando o PP puxo enriba da mesa unha proposta de facer a Comisaría no Edificio de Obras Públicas porque considerabamos este asunto como prioritario". E lembran que dende o ano 2019 hai un orzamento de 6 millóns de euros do Plan de infraestruturas para construír esta dotación, e alertando que en 2025 remata este programa.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16935086250305