O Goberno local de Lugo pídelle á Xunta unha partida para rehabilitar o cuartel de San Fernando

LugoXa
“Pedirémoslle á Xunta, a través dunha emenda aos Orzamentos, que inclúa neste documento unha partida plurianual para poder iniciar a rehabilitación do Cuartel de San Fernando", dixo a rexedora lucense
cuartel-de-San-Fernando-Lugo-Museo-Romanización
15 Nov 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada polo portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, a parlamentaria autonómica, Lara Méndez, así como por representantes da Plataforma Muro; anunciou que trasladou ao grupo parlamentario socialista unha emenda que será presentada polos seus compañeiros co obxectivo de que a Xunta inclúa nos Orzamentos de 2025 unha partida para rehabilitar o cuartel de San Fernando.

“Que Lugo sexa o referente galego e do noroeste español en conservación, investigación e divulgación do pasado romano é un proxecto de cidade que o Goberno local e a sociedade lucense consideramos irrenunciable e algo polo que levamos máis dunha década pelexando”, sinalou a rexedora. Así, esixiu un maior compromiso do Goberno autonómico co futuro Museo da Romanización.

Alvarellos Fondo destacou a proxección autonómica, nacional e internacional desta futura sede patrimonial á vez que puxo en valor as implicacións económicas e culturais que a súa posta en marcha tería non só para Lugo, senón para toda Galicia.

Precisamente por ese motivo, a alcaldesa lamentou que a Xunta se borrara desta iniciativa a pesar de ter comprometida formalmente a súa participación. “Ata o 2013, esta aspiración tamén foi un proxecto galego, e por tanto, compartido pola Xunta, a quen lle compete por lei salvagardar os restos arqueolóxicos”, lembrou a rexedora.

“Non debemos esquecer que actualmente máis de 15.000 pezas catalogadas que son da súa propiedade e que agora, por responsabilidade, están custodiadas polo Concello e que son só unha parte das miles que se atopan dispersas en dependencias de distintas administracións ou mesmo en domicilios privados de arqueólogos. Testemuñas do noso pasado que precisan dun inventariado rigoroso e dun  lugar de referencia para o seu estudo e exposición. Sen conservar o noso legado cultural é imposible construír un futuro no que todas e todos sintamos recoñecidos”, defendeu.

Rehabilitar cuberta e envolvente para optar ao 2 % cultural

Alvarellos explicou que no encontro mantido o pasado mes de xullo con Alfonso Rueda solicitou ao presidente autonómico traballar de forma conxunta nunha revisión do proxecto co obxectivo de rehabilitar San Fernando e así desbloquear a recuperación do edificio. “Ante o seu inacción, agora pedirémoslle á Xunta, a través dunha emenda aos Orzamentos, que inclúa neste documento unha partida plurianual para poder iniciar a rehabilitación do Cuartel de San Fernando e así poder actuar na cuberta e envolvente do edificio, xa que o seu arranxo progresivo permitiríanos optar ás subvencións do 2 % cultural para abordar a musealización do cuartel de San Fernando”,  concluíu a rexedora.

Pola súa banda, o portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que a acepción ou o rexeitamento desta emenda permitirá coñecer aos lucenses e a todas e todos os galegos o compromiso real da Xunta de Galicia con Lugo e con este necesario proxecto.

“Esta cidade é o referente da Romanización no norte peninsular e é desde aquí, desde o cuartel de San Fernando, é desde onde queremos poñer en valor todo ese patrimonio e dalo a coñecer a toda a humanidade. O Concello cumpriu coa súa parte e debe ser agora a Xunta a que cumpra coa súa. Xa abonda de promesas sen contido. Deben ter un compromiso claro e á mellor forma de reflectir ese compromiso é  a través dos orzamentos galegos”, sinalou o portavoz autonómico.

Contestación do PP

O Partido Popular recrimina ao PSOE a posta en escena para reivindicar a rehabilitación do cuartel de San Fernando reclamando fondos á Xunta, "cando foi o goberno local quen desistiu de acadar estas axudas da Unión Europea".

A Xunta mantén o seu compromiso de poñer o diñeiro “sempre e cando o concello consolide o plan previsto e consiga o financiamento necesario”.

En 2022, acadouse un consenso de que a administración autonómica colaboraría no Plan Director e na musealización, quedando á espera da cantidade final que se obtería de fondos europeos.

"A realidade é que o goberno local é quen incumpre o pactado coa Xunta, desistindo expresamente de su solicitud unha vez presentada tal e como recoñeceu no pleno ordinario de outubro a edil Ana Abelleira a preguntas do Grupo Municipal”, critican.

Ademais, os populares tamén aproveitaron para pedir a Lara Méndez "algo de autocrítica", xa que cando foi alcaldesa renunciou aos fondos do cuartel de San Fernando "e era moito máis útil xestionar este financiamento para o recuperar o cuartel que conseguir fondos para infraestruturas como as Caldas, carril bici e o Edificio Impulso Verde que so lles serven para a súa propaganda".

Por último, reprochan que o PSOE reclame á Xunta que se faga cargo dun edificio municipal tras dúas décadas de inacción de gobernos socialistas e nacionalistas, e esgrime a responsabilidade autonómica sobre o patrimonio, "cando é unha obriga da que por lei ten que responsabilizarse o propietario do inmoble, é decir, o Concello".

0.2056200504303