O Goberno local de Rábade acusa o PSOE de apropiarse das súas reclamacións á Deputación

O Goberno local do Concello de Rábade emitiu un comunicado tras a marcha do grupo socialista do pleno celebrado este xoves no que expresa a súa sorpresa pola actitude do PSOE e cuestiona o momento elixido para presentar determinadas peticións á Deputación de Lugo.
Segundo sinala o executivo municipal, resulta “moi sorprendente” que os socialistas formularan agora unha solicitude á institución provincial despois de tres anos sen realizar este tipo de reclamacións para o municipio.
O Goberno local asegura que durante o anterior mandato solicitou reunións en numerosas ocasións co anterior presidente da Deputación sen obter resposta. Ademais, indica que a coincidencia das demandas formuladas polo PSOE coas cuestións que a alcaldesa prevé abordar nunha próxima reunión coa nova presidenta provincial resulta “moi chamativa”.
Neste sentido, o Concello afirma que, tras conseguir unha cita coa nova presidenta da Deputación e trasladarlle previamente por correo electrónico os asuntos que se ían tratar, o PSOE presentou ao día seguinte eses mesmos temas tanto a través da prensa como mediante unha moción no pleno municipal.
Desde o executivo local sosteñen que os socialistas non fixeran ningunha destas peticións nos últimos tres anos e consideran que agora “converten en propias” as reclamacións impulsadas polo Goberno municipal xusto antes da reunión institucional prevista.
O comunicado conclúe cun rogo dirixido ao PSOE para que mostre “máis respecto e empatía cos veciños e veciñas de Rábade”.