O Goberno local impulsará estudos para mellorar a seguridade dos accesos ao Centro Educativo Illa Verde

LugoXa
O Executivo municipal comprométese a presentar unha proposta nas próximas semanas para responder a unha demanda histórica da comunidade educativa
Reunión-Illa-Verde-concello-de-Lugo
24 Jun 2026

O Goberno local comprometeuse a poñer en marcha os estudos necesarios para buscar unha solución á problemática dos desprazamentos do alumnado do Centro Educativo Illa Verde entre as distintas instalacións do complexo, situadas a ambos lados da rúa Rei Xordo.

Os concelleiros de Mobilidade, Antonio Ameijide, e de Educación, Javier Vázquez, mantiveron unha reunión de coordinación co equipo directivo do centro para analizar a situación e avaliar posibles alternativas que permitan reforzar a seguridade dos estudantes durante os seus desprazamentos diarios.

Segundo trasladou a dirección do centro educativo, esta é unha reivindicación que leva anos formulándose ao Concello sen que ata o momento se tivese dado unha resposta efectiva. A principal preocupación radica en que o alumnado debe atravesar diariamente unha vía con circulación de vehículos para moverse entre os diferentes espazos que forman parte da mesma institución educativa.

Desde o Executivo municipal expresaron a súa vontade de avanzar na procura dunha solución adaptada ás necesidades existentes, coa intención de incrementar a seguridade dos nenos e nenas que fan uso habitual destas instalacións.

Durante o encontro, ambas partes coincidiron na necesidade de traballar de maneira coordinada e colaborativa para atopar unha alternativa viable que permita compatibilizar a protección do alumnado co desenvolvemento normal do tráfico, os intereses da veciñanza e o funcionamento do servizo de transporte público que transita pola zona.

O Goberno local tamén adquiriu o compromiso de presentar unha proposta nas próximas semanas co obxectivo de avanzar cara á resolución dunha situación que leva anos xerando preocupación entre a comunidade educativa.

0.11901807785034