O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo pon en xogo un coche híbrido para impulsar as compras locais

A praza de San Marcos acolleu a presentación do Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo, unha iniciativa da Deputación e da Federación de Comercio de Lugo que busca incentivar as compras nos establecementos locais cun premio principal: un vehículo híbrido. O coche, que se deu a coñecer durante o acto, permanecerá exposto nesta praza ao longo de toda a semana.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas López, participaron na presentación, na que tamén estivo presente o deputado provincial Miguel Fernández.
A campaña estará en marcha desde este 20 de outubro ata o 30 de novembro. Para entrar no sorteo, será necesario realizar unha compra de polo menos 10 euros nun establecemento de comercio de proximidade da provincia e rexistrar o tícket na web www.sorteocomercio.es/coche.
O sorteo celebrarase ante notario o 3 de decembro no Pazo de San Marcos. Posteriormente, terá lugar na praza de San Marcos o acto de entrega do vehículo á persoa gañadora.
O coche visitará catro localidades lucenses
Para dar visibilidade á campaña e facilitar que a cidadanía a coñeza en distintos puntos da provincia, o vehículo percorrerá varios concellos nas próximas semanas. A primeira parada será Burela, o 29 de outubro, seguida de Sarria, o 5 de novembro; Vilalba, o 12 de novembro; e Monforte de Lemos, o 26 de novembro.
Durante a presentación, Rivera Capón definiu a iniciativa como unha proposta "diferencial e innovadora" para chamar a atención dos consumidores e apoiar os pequenos negocios. O deputado lembrou as dificultades que afrontan as persoas emprendedoras para abrir establecementos e garantir o relevo xeracional, e destacou o labor da Deputación no apoio ao comercio e ao emprendemento.
Pola súa banda, Seijas incidiu na importancia de fortalecer o tecido comercial da provincia e promover a participación dos consumidores, especialmente nun contexto marcado polo aumento do custo da vida e o seu impacto na economía das familias.