O grupo Achádego recupera a memoria de figuras da escultura e arquitectura como Mallo, Asorey e Cobreros

LugoXa
A iniciativa teatral recupera figuras históricas ligadas á escultura e á arquitectura da cidade
visita-teatralizada-Cemiterio-San-Froilán-Lugo
27 Apr 2026

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, tomou parte este domingo na segunda visita teatralizada ao Cemiterio Municipal, incluída na Programación de Primavera do Cemiterio de San Froilán 2026.

Esta iniciativa forma parte dunha serie de percorridos escénicos organizados polo grupo de Teatro Achádego, que ao longo de diferentes xornadas recrea episodios e figuras destacadas da historia local.

Nesta segunda sesión púxose o foco en personalidades relevantes vencelladas ao ámbito da escultura e da arquitectura, cuxo traballo deixou unha fonda pegada na sociedade. Durante o percorrido foron lembrados nomes como Manuel Mallo, Francisco Asorey e Nemesio Cobreros, protagonistas desta proposta cultural que combina divulgación e interpretación teatral.

Co inicio da programación cultural de primavera no Cemiterio de San Froilán ábrese unha nova tempada destas visitas teatralizadas que se desenvolverán en tardes de domingo. O grupo Achádego encárgase de darlles vida a estas historias a través dun labor de recuperación histórica que pon en valor a memoria de homes e mulleres que contribuíron ao legado da cidade e cuxa lembranza se considera esencial para manter viva a súa identidade colectiva.

0.12591409683228