O grupo Fuxan os Ventos actuará no Auditorio de Lugo que leva o seu nome en dúas datas

LugoXa
Estas actuacións, que terán lugar en xuño, faranse da man de dúas bandas de música galegas do panorama actual: Faia e De Ninghures
Fuxan-os-Ventos-en-Lugo
5 May 2025

 O Concello de Lugo presentou os concertos especiais que o grupo Fuxan os Ventos ofrecerá os días 5 de xuño ás 20.30 horas e o 8 de xuño ás 20.00 horas no Auditorio que leva o seu nome, un espazo que simboliza a fonda pegada cultural do grupo na cidade, en colaboración con Faia e De Ninghures.

“Volver a Lugo, á casa, e cantar neste auditorio é un soño. Queremos compartir co público todo o que esta música nos deu durante máis de cinco décadas”, comentou un dos membros históricos da banda.

Fuxan os Ventos, grupo fundado en 1972, foi unha das referencias máis importantes da música tradicional galega, cunha proposta que combinou compromiso social, recuperación do patrimonio oral e unha sonoridade que marcou época. Os concertos anunciados ofrecerán un repertorio coas súas cancións máis emblemáticas, ademais dalgunha sorpresa e colaboracións especiais.

“É un orgullo para nós anunciar estes concertos aquí, no auditorio que leva o nome dun grupo que forma parte da alma cultural de Lugo e de Galicia. Fuxan os Ventos non é só música, é identidade, memoria e resistencia cultural”, destacou Rubén Arroxo.

Pola súa banda, Maite Ferreiro sinalou: “Desde a área de Cultura seguimos a traballar para que Lugo sexa referente da música galega. Estes concertos non só celebran unha traxectoria, senón tamén o relevo xeracional, coas voces de Faia e De Ninghures enriquecendo o escenario”.

As entradas sairán á venda este venres ás 16:00 horas na plataforma entradaslugo.es, cun prezo único de 10 euros. Tamén poderán mercarse na Oficina de Turismo e nas instalacións do Vello Cárcere.

A Tenencia de Alcaldía quixo facer un chamamento á veciñanza e ao público galego para que non perdan esta oportunidade única de revivir en directo unha parte esencial da historia da nosa música.

⚙ Configurar cookies
0.18490695953369