O Grupo Popular de Lugo esixe melloras de accesibilidade e mantemento no barrio de Casás

O Grupo Municipal Popular trasladará ao goberno local as principais demandas recollidas nunha xuntanza coa veciñanza do barrio de Casas.
Durante o encontro, os residentes manifestaron a súa preocupación pola falta de accesos adecuados ás vivendas, unha situación especialmente grave en caso de emerxencia, xa que actualmente non poden acceder ambulancias.
A veciñanza lembrou que existía un compromiso por parte da exalcaldesa Lara Méndez para expropiar un terreo e habilitar unha entrada segura para vehículos de urxencia, pero denuncian que esa promesa segue sen cumprirse.
Outro dos problemas que afectan ao barrio é a falta de mantemento das árbores e da vexetación da contorna. Os residentes critican que non se realizan labores de desbroce nin poda de forma regular, e reclaman ademais medidas de protección para o tendido eléctrico, ante posibles riscos derivados da proximidade da masa vexetal.
Tamén solicitaron ao grupo popular que interceda para corrixir un erro na sinalización municipal, que identifica incorrectamente como Monte Pena Rubia a vía que conecta a Avenida de Breogán con Casas. Esta confusión, sinalan, está a dificultar a localización de domicilios por parte de servizos sanitarios ou empresas de reparto.
Durante a visita, Elena Candia informou aos veciños dos detalles da actuación que está a desenvolver a Xunta de Galicia nesta estrada, cun investimento de 48.000 euros destinado á mellora da drenaxe da zona.
A voceira popular aproveitou para instar ao goberno local a actuar tamén na canalización da escorrentía que baixa pola pendente da rúa municipal, e que segue acumulándose en varios puntos da calzada, provocando inseguridade viaria e deterioro do firme.
O Grupo Popular comprometeuse a levar estas peticións ao próximo pleno municipal, esixindo solucións urxentes por parte do Concello de Lugo.