O Gustavo Freire acollerá seis obras de teatro para público infantil e adulto durante o mes de febreiro
Aínda quedan 22 propostas das 28 totais que terán lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire durante o primeiro semestre do ano. En total, en xaneiro tiveron lugar seis delas. Están dirixidas a distintos públicos.
Con esta programación estase a poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas en Galicia, que serán o fío condutor do ciclo de actuacións. Haberá tamén obras internacionais de calidade contrastada.
Esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez.
A programación inclúe un total de 14 propostas para público adulto e 14 para familias. Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5€ nas actividades para público adulto e 3 nas actividades familiares. As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto.
PROGRAMACIÓN CULTURAL MES FEBREIRO
No mes de febreiro a programación comezará o xoves 3 de febreiro coa obra Salvador da compañía de Borja Fernández. Está dirixida a un público adulto e terá unha duración de 60 minutos. Salvador é un proxecto escénico para un actor/músico e unha vídeo/jockey/manipuladora de obxectos, sobre os movementos migratorios, as desaparicións e os encontros. Salvador céntrase na figura dos avós, concretamente nos avós galegos emigrados a mediados do século pasado a Sudamérica e, especificamente, na misteriosa figura de Benito Fernandes Meirinho, e no seu impacto na historia recente, na configuración das comunidades, familias e individuos contemporáneos. Esta obra está a metade de camiño entre o documental e a ficción teatral, con especial énfase na combinación de texto, movemento, música en directo e novas tecnoloxías.
O domingo, 6 de febreiro representarase Leonardo e os Biosbardos da compañía A Xanela do Maxín, unha obra de teatro familiar que está recomendada para un público infantil de máis de 6 anos. Ten unha duración de 50 minutos e comezará ás 18.30 horas. Leonardo, no seu intento por integrarse e adaptarse a Auria, fará por superar as probas que a cuadrilla da Roncolla lle obriga a realizar para formar parte da mesma. Entretanto debe tamén coidar de pecharlles a porta ás galiñas pola noite, porque están a desaparecer misteriosamente e é que na súa granxa outro drama se está a cocer… os raposos teñen atemorizados aos habitantes do galiñeiro cos temibles Biosbardos. A cambio da protección esixen a súa comida preferida: ovos de galiña. A través do acoso introdúcese a superación dos medos, racionais e irracionais. Non renderse, vencer as adversidades e plantarlles cara aos problemas como un medio para favorecer a educación integral das persoas. A solidariedade, o ecoloxismo, a integración, a vida na natureza ou o despoboamento do rural son outras das temáticas que se tratan nesta obra.
Stracciatella Teatro porá en escena ...e poñerán esposas ás flores, unha obra de 80 minutos. Trátase dun dos dramas máis provocativos de Fernando Arrabal no que se presenta a dicotomía dun ser humano que pode facer cousas fermosas como chegar á lúa e outras terribles como asestarlle o tiro de gracia a Lorca no cu. A obra transcorre nun cárcere español do final da posguerra civil e inspírase no caso de Julián Grimau, executado en 1963 polos seus crimes cometidos durante a guerra civil uns 25 anos antes. A trama teatral non soamente transcorre dentro da cela na que permanecen os presos, senón que se vai alternando con diferentes recordos e soños dos protagonistas polo que a peza tínguese de multitude de elementos oníricos que permiten facer unha reflexión exhaustiva da realidade que aconteceu no noso país. Na adaptación realizada por Javier F. Mariño súmanse ao universo de Arrabal elementos visuais que achegan ao espectador a atmósfera da época. De igual maneira, a utilización do acordeón como unha personaxe máis da historia consegue levarnos do real ao onírico con total claridade.
O domingo 13 de febreiro será a quenda de Cubo da compañía Elefante Elegante. Esta obra está recomendada para público infantil de máis de 3 anos e ten unha duración de 45 minutos. O espectáculo ten orixe na abstracción da figura xeométrica do cubo e parte da situación de confinamento que todos vivimos para evocar a amizade, as separacións, a necesidade de descubrir o mundo e a aventura de medrar.
Continuará a programación Camino a la escuela de Campi qui Pugui o domingo, 20 de febreiro. Esta obra está recomendada para todos os públicos e durará 50 minutos. Conta co premio á mellor posta en escena en Feten 2021, tamén foi galardoado como mellor espectáculo familiar nos premios da crítica 2021. O espectáculo conta a extraordinaria historia de tres irmás que se enfrontan diariamente a obstáculos e adversidades para chegar á escola. Tres nenas que viven nun país calquera, nun lugar tan lonxano como próximo, que non falan ningún idioma concreto e, ao mesmo tempo, fálanos todos. Un espectáculo suxerente, visual e sen texto que se inspira na historia real de nenas e nenos de todo o mundo. Nenos autónomos e capaces, que comparten as ganas de aprender e cambiar o seu mundo.
A última representación do mes será Smoke on the water da compañía Ibuprofeno Teatro o xoves 24 de febreiro. A obra durará 85 minutos. Conta co premio de teatro Mome Varla Buxán 2013. É unha traxicomedia sórdida con música en directo. Unha historia de sexo, drogas, rock and roll, enfermidade, violencia, prostitución, vandalismo, morte e, por suposto, de amor. Ritchie (Blackmore) vive ancorado no rock and roll dos 70, ten unha tenda de discos e vinilos de colección. Janis (Joplin) xa hai anos que non canta, estuda filosofía na universidade. A súa unión sobrevive despois de case 25 anos de crise matrimonial permanente, formando un círculo vicioso enfermizo, un sistema de relacións de dependencia imposible de desenlear. Este "status quo" absurdo, en continua combustión, vese ameazado pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora que se namora perdidamente de Janis, ao tempo que establece unha fonda amizade con Ritchie. A intervención de Joan Baez, empregada de banca que xestiona a hipoteca de Ritchie, clienta de Álex, propicia un final pateticamente feliz ao enredo amoroso-financeiro entre este grupo de seres humanos fracasados, torpes, perdedores, frustrados, desgastados e maltratados pola vida, que provocan tenrura e compaixón.