O Gustavo Freire reunirá ópera, cine e teatro musical en tres funcións en novembro

LugoXa
O teatro lucense acollerá o sábado 7 un tributo a 'O Rei León' e un espectáculo lírico, mentres que o día 14 será a quenda dunha adaptación musical de 'Zootrópolis'
tres-eventos-chulis-Gustavo-Frei-Lugo
9 Oct 2026

O público familiar terá dúas citas no Teatro Gustavo Freire de Lugo durante o mes de novembro, que tamén reservará un espazo para os amantes da ópera e do teatro musical. A programación inclúe tres funcións os días 7 e 14, con propostas que van desde as cancións dunha das sagas máis coñecidas de Disney ata un repertorio de grandes clásicos da lírica.

A primeira xornada será o sábado 7, cunha sesión ás 17:00 horas de 'De Kiara a Simba – Tributo ao Rei León'. O espectáculo recupera as cancións das películas a través de voces, coreografías e interacción co público, nunha montaxe de 85 minutos pensada para compartir entre distintas xeracións. Os menores de 24 meses poderán acceder de balde sempre que non ocupen asento.

Ese mesmo día, ás 21:00 horas, o escenario cambiará de rexistro con 'Unha Ópera de Película'. A proposta combina pezas de títulos como 'A Traviata', 'Carmen', 'A frauta máxica', 'Aída' ou 'Turandot con temas de musicais como 'Os miserables', 'O fantasma da ópera' e 'West Side Story'. O fío narrativo parte da poxa dos restos dun antigo teatro e da historia dun misterioso personaxe que vivía nas súas catacumbas. A función terá unha duración aproximada de 135 minutos.

A programación continuará o sábado 14 de novembro, ás 17:00 horas, con 'Zootrópolis, o Musical'. A historia transcorre nunha cidade habitada por animais na que unha coella nova e un raposo deberán investigar un suceso para devolver a alegría ás rúas. A montaxe mestura música en directo, baile e humor cunha trama que aborda a amizade, a colaboración e a persecución dos propios soños. A duración prevista é dunha hora e, ao igual que no tributo a 'O Rei León', os menores de 24 meses poderán entrar sen entrada se non ocupan butaca.

0.14967894554138