O himno do Breogán en versión tradicional emociona ao Pazo na véspera das Letras Galegas

O himno do CB Breogan "Seguimos en pé" -de David Prado- soou esta tarde no Pazo nunha nova versión con instrumentos de música tradicional, arranxado por Bruno Villamor e interpretada por
Cántigas e Frores.
A formación musical interpretou a peza ao vivo durante o descanso do encontro Breogan- Girona. Acordeón, zanfona, clarinete, requinta, tambor, bombo, pandeiretas e gaitas deron un novo aire ao himno breoganista, ao que puxo voz a sarriá Nerea Iglesias.
A iniciativa enmárcase no acordo de patrocinio entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o club, que colabora así en diferentes accións de promoción do deporte, da convivencia, da inclusión ou da cultura e o patrimonio na provincia.
Efrén Castro subliñou que "desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e especialmente desde a área de Cultura, traballamos moi activamente pola música tradicional e fainos moita ilusión acompañar tamén ese apoio desde a área de Deportes, dando soporte a esta iniciativa. O deporte fainos sentir orgullosos do noso. O noso é o Breogán e o noso é tamén a música tradicional que, xunto a lingua, vertebran culturalmente o noso país" e destacou "que esta mostra de orgullo da nosa cultura coincida coa véspera dunha data popular e reivindicativa como a das Letras Galegas. O deporte e os clubs, que teñen unha enorme proxección social e mediática, son aliados moi importantes para o uso e normalización da lingua "
Creada en 1948, Cántigas é Frores é unha das entidades de referencia na conservación, investigación e difusión da música, do baile e do traxe tradicional.