O hospital Rof Codina reduce ata un 2% o peso de mascotas obesas

LugoXa
O hospital veterinario universitario Rof Codina do Campus de Lugo da USC permite reducir ata un 2% o peso de cans e gatos obesos, a través dun programa de control de peso e adelgazamento desenvolvido xunto con Pet Select, segundo indica Antonio González Cantalapiedra, profesor da Facultade de Veterinaria da USC e coordinador, xunto coa tamén docente María Luisa Fernández Rey e a investigadora do grupo Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Veterinaria da USC Silvia Fernández Martín, dun programa orientado a mellorar a saúde de cans e gatos de idade adulta que ao longo dos últimos dous meses xa atendeu preto de medio centenar de mascotas con diverso grao de obesidade.
23 dic 2022

O hospital veterinario universitario Rof Codina do Campus de Lugo da USC permite reducir ata un 2% o peso de cans e gatos obesos, a través dun programa de control de peso e adelgazamento desenvolvido xunto con Pet Select, segundo indica Antonio González Cantalapiedra, profesor da Facultade de Veterinaria da USC e coordinador, xunto coa tamén docente María Luisa Fernández Rey e a investigadora do grupo Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Veterinaria da USC Silvia Fernández Martín, dun programa orientado a mellorar a saúde de cans e gatos de idade adulta que ao longo dos últimos dous meses xa atendeu preto de medio centenar de mascotas con diverso grao de obesidade.

“O control e, no seu caso, a redución do peso excesivo destas mascostas, unha realidade que afecta a máis dun 30% dos animais”, constitúe o obxectivo deste programa, explica González Cantalapiedra, quen manifestou o elevado porcentaxe de éxito que está a ter iniciativa contra a obesidade animal, dado que a porcentaxe de abandono é mínima e oito de cada dez animais que inician este proceso completan as fases programadas.

Alén dos efectos inmediatos que procura o programa lanzado a comezos de outubro polo hospital veterinario Rof Codina xunto con Pet Select, o obxectivo último desta iniciativa pasa por “ampliar a esperanza de vida das mascotas e mellorar o seu grao de benestar”, sentencia González Cantalapiedra, para, de seguido, explicar que “as mascotas con menos peso teñen menos problemas de mobilidade, ademais de presentar menos riscos de sufrir cartiopatías, lesións articulares...”

As causas da problemática que representa o sobre peso destas mascotas son diversas e acostuman estar relacionadas con comportamentos e prácticas dos seus propietarios, ben por subministrar dietas excesivas ben por non permitir ou favorecer que os animais fagan exercicio físico suficiente. “Aos cans cómpre pasealos, pero pasealos ben, ata cansalos”, di González Cantalapiedra, para logo engadir que o nivel medio da obesidade destas mascotas sitúase un 20% por riba da peso corporal considerado ideal.

A inexistencia de mecanismos habilitados por parte das administracións fai imposible dispoñer dun censo de mascotas actualizado e esta ausencia de controis dificulta asemade coñecer con exactitude as particularidades de cada animal, así como as posibles patoloxías das mascotas, cuxa vixilancia da súa saúde depende en gran medida da vontade dos seus respectivos propietarios.

Ante esta realidade, o proxecto investigación promovido desde o hospital veterinario universitario Rof Codina supón unha oportunidade para que as persoas propietarias de mascotas se animen a realizar unha revisión completa e gratuíta do seu estado de saúde dos seus cans e/ou gatos nas instalacións hospitalarias. O único requisito que deben cumprir os animais para participar neste programa de investigación é que estean acostumados a comer exclusivamente alimento para mascotas, segundo precisa Silvia Fernández, quen tamén indicou que os animais que tomen parte no proxecto recibirán de balde unha dieta específica para un período de tres meses. Esta investigadora tamén se referiu á necesidade de acudir ás revisións de control de peso programadas no Rof Codina para avaliar a evolución dos animais.

Os investigadores do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina do Campus Terra da USC implicados neste proxecto confían en poder incluír neste proxecto máis dun centenar de cans e gatos con obesidade, a fin de contar cunha casuística suficiente que avale os resultados do seu estudo, unhas conclusións que prevén presentar antes do verán de 2023. Daquela, os investigadores do hospital veterinario universitario Rof Codina convidan á cidadanía a participar coas súas mascotas neste programa de perda de peso para cans e gatos. As persoas interesadas poden acadar máis información a través do número de teléfono 982 820 920 ou no enderezo de correo electrónico obesity@rofcodina.org .