O HULA acolle a III Reunión de Cardioprimaria CYMAP 2026 para reforzar a coordinación na atención cardiovascular

O Hospital Universitario Lucus Augusti será escenario os días 24 e 25 de abril da III Reunión de Cardioprimaria CYMAP 2026, unha cita de carácter científico que reunirá en Lugo a profesionais de Atención Primaria e Cardioloxía co obxectivo de avanzar na coordinación asistencial, na actualización clínica e na mellora da atención ás persoas con enfermidades cardiovasculares.
Este encontro consolídase como un foro de referencia en Galicia para abordar, desde unha perspectiva práctica e multidisciplinar, os principais desafíos na prevención, diagnóstico precoz, seguimento e tratamento das patoloxías cardiovasculares, que continúan a ser unha das principais causas de morbimortalidade na poboación.
O programa científico inclúe sesións centradas na prevención cardiovascular, con especial atención ao control dos factores de risco máis habituais, como a hipertensión arterial, a diabetes, as dislipemias ou a obesidade, así como a revisión das recomendacións clínicas máis recentes.
Ademais, analizaranse cuestións de plena actualidade relacionadas coa saúde mental e a súa vinculación coa enfermidade cardiovascular, incidindo na importancia dun enfoque integral do paciente e na necesaria coordinación entre os distintos niveis asistenciais.
Outro dos bloques destacados estará dedicado ás arritmias, especialmente á fibrilación auricular, unha das alteracións do ritmo cardíaco máis frecuentes. Neste apartado abordarase tanto o cribado precoz como o manexo desde Atención Primaria e o coñecemento básico dos dispositivos cardíacos implantables.
A reunión prestará tamén especial atención á insuficiencia cardíaca, tanto con fracción de eyección preservada como reducida, unha patoloxía cada vez máis común debido ao envellecemento da poboación e que require un seguimento estreito, tratamento individualizado e coordinación entre especialidades.
Do mesmo xeito, revisaranse aspectos clave da cardiopatía isquémica, incluíndo o síndrome coronario crónico e agudo, o control da anxina, o manexo tras un infarto agudo de miocardio e os novos modelos asistenciais orientados a mellorar a resposta precoz e reducir complicacións.
O encontro completarase con actividades de carácter práctico, entre elas talleres de ecocardioscopia e sesións centradas na interpretación do electrocardiograma en Atención Primaria, unha ferramenta fundamental para a detección temperá de múltiples patoloxías.
A celebración desta terceira edición en Lugo evidencia o compromiso da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte coa formación continuada, a innovación asistencial e o impulso do traballo conxunto entre Atención Primaria e hospitalaria, co obxectivo de ofrecer unha atención cada vez máis resolutiva, próxima e de maior calidade á cidadanía.