O HULA acolle unha nova edición do Proxecto 50:50 para achegar información e apoio a pacientes con cancro xenitourinario

LugoXa
A xornada celebrarase o 27 de maio en Lugo e reunirá profesionais de distintas especialidades para abordar diagnóstico, tratamentos e calidade de vida
hula-hospital-lugo
19 May 2026

O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) participa nunha nova edición do Proxecto 50:50, unha iniciativa centrada en achegar información rigorosa, resolver dúbidas e ofrecer acompañamento a persoas con tumores xenitourinarios, como o cancro de próstata, vexiga e ril, patoloxías que, malia a súa elevada incidencia, continúan rodeadas de desinformación, silencios e estigmas sociais.

A actividade, impulsada polo Grupo Español de Oncoloxía Xenitourinaria (SOGUG), celebrarase o vindeiro mércores 27 de maio ás 17.00 horas na sede de Afundación en Lugo e está dirixida a pacientes e familiares. O encontro concíbese como un espazo próximo e participativo, baseado na evidencia científica, no que se abordarán aspectos médicos, cuestións de calidade de vida e tamén un espazo para resolver dúbidas e compartir experiencias.

O doutor Sergio Vázquez, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do HULA e vicepresidente do grupo estatal, sinala que o principal problema no caso destes tumores, especialmente o de próstata, está asociado ás posibles secuelas dos tratamentos, como a impotencia ou a incontinencia urinaria, que poden afectar á percepción persoal da enfermidade e dificultar a súa normalización. Engade ademais que o sufrimento en soidade agrava o impacto emocional, polo que considera fundamental favorecer a comunicación aberta e o apoio tanto do contorno como dos profesionais sanitarios.

O encontro contará coa participación de especialistas do HULA de diferentes áreas como Oncoloxía Médica, Uroloxía, Oncoloxía Radioterápica, Medicina Nuclear e Fisioterapia, o que permitirá ofrecer unha visión integral do manexo destes tumores desde múltiples enfoques asistenciais.

Durante a xornada abordaranse cuestións clave como o diagnóstico precoz, os síntomas de alerta e as opcións terapéuticas dispoñibles, incluíndo alternativas á cirurxía e a importancia das decisións compartidas entre profesionais e pacientes. Tamén se expoñerán avances recentes que están a modificar o abordaxe destas enfermidades e a introducir un cambio de paradigma no seu tratamento.

Outro dos aspectos que se tratarán será a posible base hereditaria dalgúns destes tumores, como os de próstata ou ril, en determinados casos. Segundo explican os especialistas, a identificación destes perfís permite activar estudos xenéticos e estratexias de seguimento precoz que melloran o prognóstico.

Xunto aos aspectos clínicos, tamén se porá o foco na calidade de vida dos pacientes, destacando o papel do exercicio físico, a nutrición, a fisioterapia e o apoio emocional como parte fundamental da abordaxe integral do cancro. Os profesionais subliñan que estes recursos poden contribuír non só a mellorar o benestar, senón tamén a influír positivamente na supervivencia.

A sesión incluirá espazos de diálogo aberto nos que os asistentes poderán formular preguntas e compartir inquedanzas nun ambiente próximo e seguro, co obxectivo de reforzar a relación entre pacientes e equipos sanitarios.

O Proxecto 50:50 naceu co propósito de percorrer as 50 provincias españolas para achegar a oncoloxía á cidadanía, promovendo unha información máis clara e accesible e reforzando o acompañamento durante todo o proceso da enfermidade. A súa chegada a Lugo reforza o papel do HULA como centro de referencia na atención oncolóxica na provincia e contribúe a mellorar a información e o apoio ás persoas con cancro xenitourinario.

0.12064695358276