O HULA acolle unha xornada sobre o ciclo de vida das infraestruturas sanitarias

GaliciaXa | LugoXa
A sesión reunirá profesionais de Galicia, Cantabria e Euskadi para abordar a planificación, mantemento e transformación dos espazos sanitarios co foco no futuro da asistencia sanitaria
HULA-hospital-Lugo-portada
3 Jun 2026

O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) acolle este mércores 3 de xuño, ás 12.00 horas, unha xornada técnica centrada no ciclo de vida das infraestruturas sanitarias, unha sesión que reunirá profesionais con ampla experiencia na planificación, xestión, mantemento e transformación de espazos asistenciais procedentes de Galicia, Cantabria e Euskadi.

A actividade, baixo o título “Ciclo de vida das infraestruturas sanitarias”, pretende ofrecer unha visión integral sobre como evolucionan os hospitais e centros sanitarios ao longo da súa vida útil, desde a súa planificación e construción ata a súa adaptación continua ás novas necesidades asistenciais, tecnolóxicas e organizativas, cunha atención específica ao propio HULA.

Durante a xornada abordarase a realidade dos hospitais e centros de saúde como infraestruturas vivas e en constante transformación, condicionadas polos cambios demográficos, a incorporación de novas tecnoloxías, a evolución dos procesos asistenciais e o incremento das necesidades dunha poboación cada vez máis envellecida e con maior complexidade sanitaria. Neste contexto, sublíñase a importancia de desenvolver estratexias permanentes de conservación, modernización e actualización dos espazos co obxectivo de garantir a súa funcionalidade, seguridade e eficiencia.

Tamén se analizará a necesidade dunha planificación a longo prazo que permita anticipar necesidades futuras, optimizar recursos e prolongar a vida útil dos edificios sanitarios, así como cuestións relacionadas co mantemento das instalacións, a renovación tecnolóxica, a sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a capacidade de adaptación a novos modelos asistenciais sen interromper a actividade sanitaria.

A sesión estará moderada polo xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, e contará coa participación de Marcos Rossi Izquierdo, xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía do HULA; Fermín Janeiro López, coordinador de Servizos Técnicos da Área Sanitaria de Lugo; Eduardo Resines Galaz, subdirector de Servizos Xerais do Hospital Universitario de Cruces (Osakidetza); Alfonso Delgado Alonso, director xerente do Smart Hospital Cantabria–Hospital Valdecilla; e Juan Manuel Gallardo, director técnico do INGHO.

A través das distintas intervencións compartiranse experiencias e modelos de xestión aplicados en diferentes comunidades autónomas, así como exemplos de modernización e adaptación de infraestruturas sanitarias que permiten afrontar con garantías os retos presentes e futuros do sistema sanitario público.

Esta iniciativa enmárcase nas actividades conmemorativas do XV aniversario do Hospital Universitario Lucus Augusti e busca fomentar a reflexión sobre o papel estratéxico das infraestruturas sanitarias como elemento clave para garantir unha asistencia sanitaria de calidade, segura, innovadora e sostible ao longo do tempo.

ACTO CENTRAL CONMEMORATIVO DO XV ANIVERSARIO DO HULA

O Hospital Universitario Lucus Augusti conmemorará este xoves, 4 de xuño, o seu décimo quinto aniversario cun acto institucional no que se fará balance da súa traxectoria e se presentarán os obxectivos estratéxicos que marcarán o futuro do complexo hospitalario durante os próximos anos.

A celebración dará comezo ás 12:30 horas cunha actuación de violinistas da Escola de Música Glissando, que servirá de apertura a unha programación na que tamén se proxectará un vídeo institucional elaborado para lembrar os quince anos de actividade do centro.

Un dos momentos centrais da xornada será unha mesa de intervencións dedicada a ofrecer unha visión plural sobre a repercusión que o HULA tivo tanto na sociedade lucense como no sistema sanitario público. Neste espazo participarán a presidenta do Grupo Lence, Carmen Lence Ferreiro, así como distintos profesionais do hospital que achegarán a súa experiencia desde diferentes ámbitos asistenciais.

Entre os participantes figuran a especialista en cirurxía Rocío González López, o xefe do Servizo de Alergoloxía Francisco Carballada González, o cardiólogo Ramón Ríos Vázquez e a enfermeira supervisora do Servizo de Farmacia Luisa Fernández Croas.

Durante o acto tamén se dará a coñecer o Plan de Liñas Estratéxicas “Somos HULA 2030”, un documento que marcará as prioridades de desenvolvemento do hospital nos vindeiros anos. A presentación correrá a cargo do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

A conmemoración concluirá cunha actuación do coro do Hospital de Lugo, que porá o broche final a unha xornada destinada a celebrar os quince anos dun dos principais referentes sanitarios de Galicia.

0.13263201713562