O HULA celebrará o Día das Persoas Coidadoras cunha xornada multidisciplinar

LugoXa
O encontro terá lugar o 5 de novembro no Salón de Actos do hospital e reunirá profesionais de distintos ámbitos para abordar os coidados, o benestar emocional e o apoio ás persoas coidadoras
HULA-hospital-Lugo-portada
28 Oct 2026

O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) acollerá o vindeiro 5 de novembro de 2026 o Día das Persoas Coidadoras, unha xornada multidisciplinar organizada pola Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte e o Servizo de Xeriatría, baixo o lema "Coidando a quen coida".

A iniciativa nace co obxectivo de recoñecer o labor das persoas que coidan cada día de familiares e persoas en situación de dependencia, moitas veces cun importante esforzo físico e emocional. A xornada pretende ofrecerlles un espazo de encontro, aprendizaxe e reflexión, ao tempo que promove unha atención máis humana e coordinada.

O programa comezará ás 16:00 horas coa apertura institucional a cargo de Ramón Ares Rico, xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte. De 16:30 a 17:00 horas, Rocío Malteto Jiménez, da Xeta Servizo de Xeriatría, abordará os coidados das persoas con demencia, ofrecendo orientación sobre as necesidades específicas deste colectivo e a atención que require.

A continuación, de 17:00 a 17:30 horas, Marina García Recio, da EIR de Xeriatría, falará sobre o manexo dos coidados básicos, con especial atención ás mobilizacións, as transferencias e a alimentación. Esta intervención centrarase en aspectos prácticos fundamentais para facilitar o coidado diario e contribuír á seguridade e ao benestar das persoas dependentes.

Tras unha pausa, de 18:00 a 18:30 horas, Mauro López Seijas, psicólogo sanitario de Cruz Roja, tratará os aspectos emocionais de converterse en persoa coidadora. A súa intervención porá o foco no impacto psicolóxico que pode supoñer asumir esta responsabilidade e na importancia de coidar tamén a saúde emocional de quen coida.

A última sesión, prevista de 18:30 a 19:00 horas, estará dedicada á planificación compartida dos coidados, os apoios e as ferramentas dispoñibles. Participarán Dolores Moure Rodríguez e Begoña Lehmkuhl Deiros, traballadoras sociais do HULA, que abordarán a importancia da coordinación e da organización dos recursos para ofrecer unha atención integral ás persoas maiores e dependentes e ás súas familias.

A xornada pretende fortalecer a coordinación multidisciplinar entre os equipos sanitarios e sociais, promover a humanización da atención e fomentar o benestar emocional das persoas coidadoras mediante unha planificación compartida dos coidados.

A entrada será libre e o encontro celebrarase no Salón de Actos do HULA.

0.15675282478333