O HULA expón os traballos artísticos realizados por pacientes de saúde mental na XII edición de 'Arte no Hospital'

O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) inaugura este martes, 24 de novembro, ás 11:30 horas, a XII edición da exposición 'Arte no Hospital', que reúne creacións realizadas por pacientes do Servizo de Psiquiatría nos obradoiros ocupacionais do Hospital de Día de Saúde Mental e do Centro de Rehabilitación Hospitalaria de Saúde Mental de Calde.
A iniciativa, organizada polo Servizo de Psiquiatría e pola Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, forma parte das actividades terapéuticas e de rehabilitación desenvolvidas nestes dous centros. Os obradoiros están supervisados por un equipo multidisciplinar que adapta as actividades ás necesidades de cada paciente.
Tanto a elaboración das pezas ao longo do ano como a preparación da exposición buscan favorecer a recuperación funcional e social dos participantes. Ademais de crear os traballos, os propios pacientes implicanse na organización da mostra e asumen diferentes responsabilidades que lles permiten reforzar a súa autonomía e desenvolver habilidades organizativas e sociais.
A posibilidade de compartir as súas creacións co público tamén supón un estímulo para as persoas que traballan durante meses na súa elaboración e contribúe a reforzar a súa autoestima. Ao mesmo tempo, a exposición permite dar a coñecer o labor dos centros de rehabilitación e axudar a superar os prexuízos que aínda existen arredor da saúde mental.
A mostra estará aberta ao público na entrada principal do HULA o martes 24, de 11:30 a 14:30 horas, e o mércores 25 e o xoves 26, de 9:00 a 14:30 horas. As persoas visitantes poderán coñecer e adquirir as pezas elaboradas polos pacientes.