O HULA organizará unha xornada aberta á cidadanía para promover a saúde cardíaca e a formación en RCP

O Servizo de Cardioloxía do HULA organizará o vindeiro 27 de maio a actividade “Actívate: saúde cardíaca en acción”, unha iniciativa dirixida á cidadanía que combinará exercicio físico e formación práctica en reanimación cardiopulmonar (RCP) co obxectivo de fomentar hábitos saudables e achegar coñecementos básicos ante posibles emerxencias sanitarias.
A xornada desenvolverase entre as 10:00 e as 12:00 horas no Anexo do Pazo dos Deportes de Lugo e contará coa colaboración de profesionais do ámbito do adestramento e da preparación física. A programación incluirá unha sesión de exercicio aeróbico de intensidade moderada, adaptada a todos os niveis, así como un taller práctico de Soporte Vital Básico (SVB).
Durante esta formación, as persoas participantes aprenderán a identificar unha parada cardiorrespiratoria, realizar manobras de reanimación cardiopulmonar e utilizar un desfibrilador externo automático (DEA), ferramentas consideradas fundamentais para actuar nos primeiros minutos dunha emerxencia.
A iniciativa está impulsada polo Servizo de Cardioloxía e pola área de Humanización da Área Sanitaria, que buscan promover a actividade física como elemento de prevención cardiovascular e sensibilizar á poboación sobre a importancia dunha resposta rápida ante situacións críticas.
A xornada contará ademais coa participación e colaboración de diferentes profesionais e entidades vinculadas ao ámbito deportivo e da preparación física.
As prazas son limitadas, polo que será necesario realizar inscrición previa a través do teléfono 629 322 159 ou do correo electrónico humanizacion.eoxil@sergas.es.