O I concurso de microrrelatos de Castroverde xa ten gañadoras
O I Concurso de microrrelatos do Concello de Castroverde que tiña como temática os Estereotipos de xénero xa ten gañadoras. O primeiro premio recaeu en Lucía González Campos co relato Sucar no silencio; o segundo foi para Tania Lorezo López coa obra Ceibe e o terceiro lugar ocupouno Silvia Penela Vázquez co relato A gandeira e a tratante. Os premios foron de 400, 200 e 100 euros respectivamente.
En canto ao sorteo da tablet entre os/as participantes do concurso de microrrelatos, a gañadora foi Rocío Arias Álvarez.
O concurso tiña a temática dos Estereotipos de xénero e tiña que levar no corpo do microrrelato algunha referencia directa ou indirecta con algunha das seguintes frases: a muller ten que ser nai para estar realizada, os homes son máis razón e as mulleres máis emoción, a cor rosa é para as nenas e a cor azul para os nenos.
O concurso estaba aberto a todas aquelas persoas que tivesen unha idade comprendida entre os 15 e os 45 anos. O texto presentado debía ser orixinal e ter unha extensión mínima de 100 palabras e unha máxima de 150 (sen incluír título).