O II Festival de Primavera de Voces Xoves de Lugo foi todo un éxito

A II edición do Festival de Primavera de Voces Xoves, organizado polo Coro Xuvenil de Lugo, saldouse cun éxito absoluto nun auditorio cheo que respondeu con entusiasmo a unha cita marcada pola música e a enerxía da mocidade. O evento reuniu diferentes formacións corais nunha tarde na que o público puido gozar dun repertorio variado e dun ambiente vibrante.
No festival participaron o coro Esmuvi de Vilalba, o Sauti Yangu Tu de Guntín, o Xove Coro de Lugo —que realizou a súa estrea oficial tras debutar no Nadal— e o propio Coro Xuvenil de Lugo, encargado da organización. A actuación conxunta das agrupacións conseguiu emocionar ao público asistente, que encheu o recinto e acompañou con aplausos unha xornada que destacou pola súa forza e pola ruptura de estereotipos arredor da música coral.
Desde a organización quixeron agradecer a resposta do público, salientando que ver o auditorio completo e sentir a implicación das persoas asistentes converteu o evento nunha experiencia inesquecible. Tamén fixeron unha mención especial ao apoio da Xunta de Galicia, cuxo patrocinio resultou fundamental para facer posible esta iniciativa cultural centrada na mocidade.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu ao festival acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses. Durante a súa intervención, destacou o “apoio continuado da Xunta de Galicia a esta iniciativa que busca impulsar esta especialidade musical e crear novos públicos”.
Así mesmo, puxo en valor a relevancia desta cita para o impulso da música coral e para o fomento da cultura galega en todos os ámbitos, especialmente entre as xeracións máis novas.