O incendio do restaurante Antas deixa un duro golpe para a hostalaría do centro histórico de Lugo

O incendio rexistrado ás 13.52 horas do 9 de agosto na parrillada Antas, situada na Praza do Campo, provocou importantes danos nun dos negocios hostaleiros con maior actividade do centro histórico de Lugo. O lume deixou o establecemento practicamente calcinado e obrigará a interromper a súa actividade durante un longo período, nun momento de máxima afluencia turística na cidade.
O suceso xerou unha gran preocupación no corazón da zona vella lucense, non só polo alcance dos danos materiais, senón tamén polo impacto que terá sobre a actividade económica e hostelaría dunha das áreas máis visitadas de Lugo. O Antas era un dos restaurantes con maior capacidade de atracción de comensais e visitantes, cunha elevada ocupación tanto nos seus comedores como na súa terraza ao longo de todo o ano.
O incendio provocou unha intensa fumareda que se estendeu ao exterior do inmoble e obrigou a desaloxar as terrazas de varios establecementos próximos, entre eles Orixe do Campo. A evacuación realizouse con rapidez e de maneira ordenada en canto traballadores e clientes detectaron o fume, o que permitiu evitar danos persoais.
Ata o lugar desprazáronse varias dotacións dos Bombeiros de Lugo, así como efectivos da Policía Local e da Policía Nacional, que acordonaron a contorna para facilitar os traballos de extinción. A principal preocupación dos equipos de emerxencia centrouse nas características do edificio, unha construción histórica con elementos estruturais de madeira no seu interior e na cuberta.
Co obxectivo de evitar que as altas temperaturas afectasen á armazón do inmoble e provocasen a propagación das lapas a edificios lindeiros, os bombeiros centraron boa parte da súa intervención en arrefriar vigas, muros e outros elementos estruturais. Pola súa banda, a Policía Local empregou un dron equipado con cámara térmica para controlar a temperatura do tellado e detectar posibles puntos quentes que puidesen reactivar o incendio.
As primeiras valoracións realizadas polos técnicos apuntan a que os danos son máis graves do que se pensaba nun primeiro momento, polo que a recuperación do negocio será longa e complexa.
En relación coa orixe do lume, as primeiras hipóteses apuntaban á zona da grella, pero as impresións iniciais dos peritos do seguro sitúan agora a causa máis probable nun posible fallo eléctrico. Segundo transcendeu, o incendio podería terse iniciado no falso teito do local, mentres que a grella e a cheminea foran sometidas a unha limpeza profunda poucos meses antes, polo que a acumulación de feluxe ou doutros materiais inflamables non sería un factor determinante.
Tras este suceso, o Concello de Lugo aprobou na Xunta de Goberno adxudicar o contrato para o mantemento dos equipos de protección e extinción contra incendios dos edificios municipais, cun gasto superior aos 60.000 euros para 2026 e 2027.