O Issga clausura en Lugo un ciclo formativo centrado na avaliación dos riscos psicosociais no traballo

A avaliación dos riscos psicosociais de orixe laboral e a súa integración na planificación preventiva centraron o ciclo de seminarios técnicos que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) desenvolveu desde outubro nos seus catro centros territoriais e que foi clausurado en Lugo pola súa xerente, Adela Quinzá-Torroja.
A formación, incluída no plan de actuación do organismo para 2026, estivo dirixida principalmente ao persoal técnico de prevención dos servizos propios e alleos, incluídos os das administracións públicas e os servizos de saúde, así como a profesionais dos gabinetes de prevención das organizacións sindicais e empresariais.
Baixo o título "Avaliación e integración preventiva no ámbito da psicosocioloxía aplicada", os seminarios traballaron os criterios e as ferramentas necesarios para identificar os factores de risco psicosocial, avaliar o seu impacto e elaborar medidas que permitan actuar sobre a organización e as condicións de traballo. A análise de casos prácticos e o intercambio de experiencias foron parte fundamental desta formación especializada.
A iniciativa terá continuidade en 2027 no marco do Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, que establece as liñas de actuación para mellorar as condicións laborais, reforzar a prevención e promover a saúde das persoas traballadoras.
Neste sentido, o Issga prevé manter este tipo de seminarios e ampliar a oferta formativa en ergonomía e psicosocioloxía aplicada. O obxectivo é dotar os profesionais de ferramentas prácticas para identificar, avaliar e previr os riscos laborais, con especial atención aos trastornos musculoesqueléticos e aos riscos psicosociais. O organismo tamén avanzará no reforzo dos seus medios humanos e técnicos.