O IV Campionato Galego de Billar FemInino deixou grandes resultados para o Club de Billar Adai

LugoXa
A xogadora local Covadonga Marín, do Club de Billar Adai, proclamouse campioa ao impoñerse na final a Verónica González, do Club Ourensán de Pool
Campionato-Feminino-Club-Billar-Adai-Lugo
6 May 2025

O Club de Billar Adai acolleu a cuarta edición do Campionato Galego de Billar Feminino, un evento xa consolidado como referente do deporte feminino en Galicia.

Durante dúas intensas xornadas, as mellores xogadoras das catro provincias competiron polos títulos autonómicos nas modalidades de bola-10 e bola-9, así como por prazas no Campionato de España Feminino, que se celebrará o vindeiro mes de xuño en Valencia.

A xornada do sábado estivo dedicada á modalidade de bola-10, na que a xogadora local Covadonga Marín, do Club de Billar Adai, proclamouse campioa ao impoñerse na final a Verónica González, do Club Ourensán de Pool. Marín conseguiu deixar o trofeo “na casa” cun xogo sólido e estratéxico que lle permitiu dominar o torneo.

Nas semifinais, completaron o podio Melitza Carolina Zavala, do Club de Billar Ordes (A Coruña), e Emma Álvarez, da Escola de Billar de Ponteareas (Pontevedra). Esta última, aínda en categoría júnior, repetiu o éxito do ano anterior, consolidándose como unha das promesas máis destacadas do billar feminino galego.

O domingo foi a quenda da modalidade de bola-9, onde Verónica González tivo a súa revancha e alzouse co título autonómico tras unha final moi igualada contra a lucense Belén Encabo, tamén do Club de Billar Adai. O marcador final de 6-5 reflicte a igualdade e o alto nivel de ambas as dúas competidoras.

As semifinalistas desta modalidade foron novamente Covadonga Marín, que sumou así un novo podio á súa brillante actuación, e Diana Álvarez, tamén de Ponteareas, quen nesta ocasión tomou o relevo da súa irmá menor, Emma.

Esta edición, apoiada pola Deputación de Lugo, foi especialmente significativa por bater o récord de participación, cun total de 21 xogadoras, das cales seis eran menores de idade. Este dato evidencia o crecemento progresivo do billar feminino en Galicia, dentro dun deporte no que máis do 95% dos xogadores seguen sendo homes.

A entrega de premios contou coa presenza institucional de Iria Castro, deputada e representante da Deputación de Lugo; Felipe Labrada, alcalde do Corgo; e Pilar Bellón, concelleira do municipio. As autoridades felicitaron a todas as participantes polo seu nivel e compromiso, subliñando a importancia de seguir impulsando a igualdade no ámbito deportivo.

⚙ Configurar cookies
0.18641304969788