O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia en Lugo abre as súas portas ao alumnado do IES Lucus Augusti

GaliciaXa | LugoXa
A visita permitiu coñecer o traballo desenvolvido nas áreas de saúde ambiental e seguridade alimentaria dentro da programación da Semana da Administración Aberta
Xornada-portas-abertas-Laboratorio-Saude-Publica-Lugo
22 May 2026

O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia situado en Lugo recibiu a visita de alumnado e profesorado do IES Lucus Augusti, nun encontro orientado a achegar á comunidade educativa o labor que este organismo desenvolve no ámbito da saúde pública.

Durante a xornada, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer directamente as funcións e actividades que se realizan nas áreas de saúde ambiental e seguridade alimentaria, así como o funcionamento interno dun centro especializado dependente da Consellería de Sanidade.

Esta actividade enmárcase na programación da Semana da Administración Aberta promovida pola Xunta de Galicia, unha iniciativa que busca aproximar á cidadanía ao traballo da Administración autonómica e fomentar valores como a transparencia, a participación e a proximidade institucional.

O IES Lucus Augusti mantén unha colaboración continuada co laboratorio, ao que cada ano se incorporan estudantes de ciclos formativos medios e superiores para desenvolver prácticas formativas. Precisamente, dous alumnos do centro educativo que actualmente realizan a súa formación práctica nestas instalacións compartiron durante a visita a súa experiencia persoal e profesional co resto da comunidade educativa.

Ao longo do percorrido, o alumnado puido visitar as catro plantas do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia en Lugo, coñecendo tanto os espazos de traballo como o equipamento técnico e as metodoloxías analíticas empregadas nos distintos programas de control, vixilancia e protección da saúde impulsados pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

Ademais de formar parte da Semana da Administración Aberta, esta acción tamén se integra nas liñas de actuación contempladas na Estratexia do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia 2026-2030. En concreto, a iniciativa está vinculada ao eixo estratéxico centrado na orientación cara á sociedade, a calidade total e a sostibilidade, reforzando así o compromiso do organismo coa formación, a innovación, a colaboración co ámbito educativo e a difusión do seu labor ante a cidadanía.

0.1204137802124