O litoral pode beneficiarse de máis de 19 millóns de euros para proxectos socioeconómicos
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, informou de que os oito grupos de acción local do sector pesqueiro de Galicia (GALP) se poden beneficiar de 19,2 millóns de euros para o desenvolvemento de proxectos de dinamización socioeconómica do litoral galego ao abeiro da convocatoria de axudas deste ano.
Así o sinalou durante unha visita a Conservas Faro de Burela, onde estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e onde coñeceu as melloras realizadas na trazabilidade e etiquetaxe dos seus produtos a través do GALP A Mariña-Ortegal. Unhas innovacións que foron obxecto de axuda da Xunta no marco da convocatoria de 2019.
Estas melloras introducidas pola empresa, subliñou a titular de Mar, son un claro exemplo dos froitos que dan os GALP. Neste caso, as achegas que a Xunta pon a disposición para os grupos e que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, axudan a Conservas Faro de Burela a impulsar a comercialización dos produtos pesqueiros coa introdución da pesaxe e etiquetaxe automática que lle permite mellorar os tempos de traballo e a trazabilidade do produto.
En relación á etiquetaxe a titular de Mar destacou a implicación desta empresa na inclusión social, xa que etiquetan en braille e cun código QR para enlazar o produto a unha descrición auditiva. Esta faceta de Conservas Faro de Burela súmase aos outros valores que a caracterizan, que son a tradición de empresa familiar, a innovación dos procesos e a calidade do produto elaborado e envasado de xeito artesanal. Deste xeito buscan alcanzar o posicionamento da marca no mercado de produtos pesqueiros gourmet e artesanais.