O local da asociación de veciños Faxilde-A Pumarega foi mellorado cunha subvención da Xunta

LugoXa
A convocatoria, dotada con 3 millóns de euros, financia obras, equipamento e melloras en infraestruturas comunitarias
Local-Faxilde-Castroverde
24 Mar 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou en Castroverde o local do teleclub acondicionado pola asociación de veciños Faxilde-A Pumarega, que vén de dotar o espazo de novo equipamento co obxectivo de convertelo nun lugar máis acolledor e funcional para o desenvolvemento das súas actividades.

Durante a visita, Arias lembrou que as entidades veciñais teñen de prazo ata o 20 de abril para solicitar as axudas autonómicas destinadas á mellora de infraestruturas, unha liña que conta cun orzamento global de 3 millóns de euros. No caso da asociación de Castroverde, resultou beneficiaria na pasada convocatoria coa achega máxima de 5.000 euros, que permitiu adquirir diverso material, entre el 10 mesas, 107 cadeiras, un armario de oficina, un arquivador, un equipo de climatización, unha televisión, un microondas, unha cafeteira e unha neveira.

A convocatoria actual reserva 2,6 millóns de euros para impulsar obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións. Entre as actuacións subvencionables inclúense a eliminación de barreiras arquitectónicas e melloras en estruturas, fachadas, cubertas, paramentos interiores, ventás, teitos ou instalacións de fontanería, climatización, saneamento e electricidade.

No ámbito das comunidades de usuarios de augas, a principal novidade é a prioridade para actuacións de mellora, reforma e reparación nas infraestruturas básicas das traídas afectadas polos incendios forestais do verán de 2025 nas zonas declaradas en situación operativa 2. Estas intervencións abranguen captacións, canalizacións e depósitos co fin de reducir perdas, así como actuacións para optimizar a xestión, o control da calidade da auga e a eficiencia enerxética.

Os 400.000 euros restantes da convocatoria destínanse á dotación de equipamento e á organización de actividades específicas das entidades, incluíndo a adquisición de mobiliario e recursos informáticos ou audiovisuais.

Arias explicou que estas axudas están dirixidas a asociacións de veciños, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, e poden cubrir a totalidade do investimento realizado, cun límite de 12.000 euros para obras e de 5.000 euros para equipamento. Na pasada edición resultaron beneficiados 72 colectivos da provincia, que recibiron en conxunto máis de 653.000 euros.

0.12778091430664