O lucense Adam Didam debuta nas MMA cunha vitoria por TKO en só 30 segundos

O lucense Adam Didam estreouse nas artes marciais mixtas (MMA) cunha contundente vitoria por TKO na velada celebrada en Bertamiráns. O deportista do equipo de competición do Club Deportivo Free Dojo resolveu o combate ante Eder Rodríguez, do Graiño Team, en apenas 30 segundos e no primeiro asalto.
Desde o inicio do combate, Didam tomou a iniciativa e impuxo un ritmo elevado, mantendo unha presión constante sobre o seu rival. O loitador lucense conseguiu conectar varios golpes con precisión e controlou o enfrontamento desde os primeiros intercambios, sen recibir ningún golpe durante os 30 segundos que durou a pelexa.
O combate rematou despois dunha acción de Ground & Pound, tras a que o árbitro decidiu deter o enfrontamento e conceder a vitoria por TKO a Adam Didam. O público respondeu cunha gran ovación ao que foi un debut especialmente contundente.
Desde o corpo técnico do Free Dojo destacan, ademais do resultado, a madurez competitiva demostrada polo deportista no seu primeiro combate. O club pon en valor a súa capacidade para xestionar os nervios do debut, executar o traballo realizado nos adestramentos e aproveitar a oportunidade para pechar a pelexa.
Máis de dez deportistas no equipo de competición
A vitoria de Adam Didam chega nun momento de especial actividade para o Club Deportivo Free Dojo, que conta actualmente cun equipo de competición formado por máis de dez deportistas de kickboxing e MMA.
Desde a entidade sinalan que este grupo está chamado a conseguir novos resultados e sumar máis éxitos ás centos de medallas e vitorias obtidas polo club ao longo de máis de seis anos de traxectoria.
O corpo técnico xa traballa na preparación das próximas citas competitivas de Didam e doutros integrantes do equipo, que afrontarán durante os vindeiros meses diferentes competicións de ámbito rexional e nacional.
As primeiras citas están previstas para outubro, nun tramo de tempada no que Free Dojo agarda incrementar a súa actividade competitiva e continuar levando o nome de Lugo e Galicia ao ámbito dos deportes de contacto.